En Marea denuncia que a Xunta prima os intereses das eléctricas nos proxectos eólicos en Cabana

Antón Sánchez e Francisco Casal, esta mañá en Cabana.

O viceportavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, e o deputado Francisco Casal realizaron unha visita xunto con representantes de Salvemos Cabana esta mañá aos terreos onde esta prevista a instalación do parque eólico de Mouriños en Cabana de Bergantiños.

A Proposición de Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais presentada polo PP é “un compendio de medidas que buscan dar máis privilexios ás grandes empresas de determinados sectores estratéxicos, e minar as posibilidades da cidadanía para facerlles fronte reducindo a participación pública e as garantías ambientais”, dixo esta mañá en Cabana o viceportavoz de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez.

 

Sánchez, acompañado polo tamén parlamentario de En Marea Francisco Casal e membros do colectivo Salvemos Cabana, visitou a zona onde está prevista a instalación do parque eólico de Mouriños –un dos que ADEGA vén denunciando ante o risco de que estraguen as últimas serras virxes da Costa da Morte–. Os deputados de En Marea sinalaron que o Goberno da Xunta prima este tipo de instalación a través da normativa beneficiando ás empresas eléctricas.

 

En concreto, Sánchez e Casal chamaron a atención sobre o feito de que a lei en trámite parlamentar declara "de especial interese" os proxectos de produción de enerxía eléctrica “que se desenvolvan no marco de poxas”, reducindo "á metade" os prazos das autorizacións. Na práctica, esta primacía, indica En Marea, fará que saían adiante este tipo de aproveitamentos en detrimento de outros para o monte, o sector turístico ou a preservación dos valores ambientais. Segundo sinalou Antón Sánchez, trátase “dun escandaloso outorgamento de privilexios para as empresas eléctricas que sexan adxudicatarias do sistema de poxas que desenvolvan proxectos de parques eólicos, plantas de biomasa, de queima de residuos, ou de coxeración, que terán o camiño expedito para levalos a cabo de xeito rápido pasando por riba dos dereitos das persoas propietarias do terreo, e por riba do dereito deste país a integrar outros usos no seu territorio e a conservar os seus valores ambientais e paisaxísticos”.

 

O viceportavoz de En Marea lamentou que non se atenda á xente para a que “a prioridade é conservar o Castelo de Borneiro e o seu entorno como un patrimonio único e non colocar alí uns muíños porque sexa o mellor lugar para darlle negocio a Gas Natural-Fenosa”.