Unha 'marea branca' percorre Moaña en defensa da sanidade pública

Mobilización da veciñanza do Morrazo este 5 de xuño en Moaña en defensa da sanidade pública. (Foto: Nós Diario).
Baixo o lema 'Coa nosa saúde non se xoga', a veciñanza de Moaña e Cangas volveu saír á rúa para exixir "a restitución da atención médica para todas e o reforzo do persoal sanitario da Atención Primaria".

A veciñanza de Moaña suma máis de 25 domingos consecutivos de mobilización diante da Casa do Mar da localidade. E mentres o Goberno galego non atenda as súas demandas, seguirá a concentrarse ao final de cada semana.

Así o expresou este domingo, 5 de xuño, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, encargada de ler o manifesto que clausurou unha marcha que arrancou da Casa do Concello e finalizou no centro de saúde, na que participaron centos de persoas da comarca.

A Mesa Local da Sanidade de Moaña reclama á Consellaría de Sanidade que cubra as vacantes  do persoal médico de tarde, que reabra as urxencias e reforce o servizo de ambulancias do Morrazo.

As reivindicacións da cidadanía de Moaña foron secundadas polo Concello e a veciñanza de Cangas, que se sumaron á protesta.

Política de recortes

Censuraron as políticas de recortes da Xunta e as consecuencias da perda paulatina de orzamentos, profesionais, camas hospitalarias e servizos esenciais externalizados á sanidade privada; entre outros "listas de agarda disparadas, colapso das urxencias e desatención da saúde mental e das mulleres".

Con todo, subliñaron, a que con "máis intensidade sufriu os recortes foi a Atención Primaria", con "consultas masificadas, redución de profesionais, sen substitucións, feche de axendas e PAC ao límite".

Exiximos a restitución inmediata das urxencias na Casa do Mar de Moaña e da atención médica para toda a veciñanza

A pandemia agravou a situación, denunciaron e converteuse na "coartada perfecta" para facer de "definitivas" medidas que se anunciaron como "provisionais".

Mundanzas organizativas

Leticia Santos referiuse ao traslado das urxencias de Moaña a Cangas, que exixe restituír de inmediato. "Levar as urxencias en Cangas supuxo un incremento do tempo de resposta en casos onde a presenza dos equipos médicos é vital", polo que tamén demanda unha ambulancia para o reforzo da comarca.

"A falta de PAC en Moaña, desde outubro a quenda de médicas de tarde está ao 50%, polo 2.870 persoas non temos médica de referencia. Cada día aténdenos unha persoa distinta se non é que nos derivan a Cangas".

Cuestionou o seguimento de patoloxías e doentes, así como o silencio do conselleiro de ante a petición dunha reunión urxente.

"Non podemos permitir que se destrúa un ben tan prezado como a sanidade pública", concluíu. "Exiximos a restitución inmediata das urxencias na Casa do Mar de Moaña, a atención médica para toda a veciñanza e o reforzo de todo o persoal sanitario da Atención Primaria, médico, pero tamén administrativo, de enfermaría, rehabilitación e pediatría".