Defensa do Común propón a reforma do PXOM para evitar a privatización da fachada marítima da Coruña

A Comisión Aberta en Defensa do Común entregou aos grupos municipais esta cuarta feira un texto para o seu debate como moción no Pleno do Concello.

Defensa do Común pide a devolución gratuíta ao concello do que na orixe é patrimonio público, a praia do Parrote, para evitar a privatización dos terrenos de A Solana e o Hotel Finisterre.

A Autoridade Portuaria negocia a privatización co actual concesionario do espazo, Inmobiliaria Río Mero, en troca de 10 millóns de euros. O Concello da Coruña fixo unha oferta por A Solana por 1,4 millóns. Neste momento por esa vía non tería ningunha opción de se facer coa titularidade da instalación.

Defensa do Común reclama do goberno municipal "unha convocatoria a todas as entidades que configuran o movemento asociativo da cidade en orde a recabar o seu apoio para que os terrenos en cuestión revirtan gratuitamente ao pobo da Coruña, sen desbotar a posibilidade de promover unha grande mobilización cidadá".

Destarte, a entidade cívica propón ao Concello que, como ten feito noutras ocasións, pendure do palacio de María Pita unha grande faixa coa lenda "Basta xa de especulación. Devolución gratuíta da Solana e Hotel Finisterre".

A mobilización social é chave, entende Defensa do Común, para forzar unha marcha atrás da Autoridade Portuaria. A entidade cívica defende tamén que o concello, se Portos do Estado mantén a súa posición actual, ten a opción por diante de mesmo modificar o PXOM para evitar a privatización dese fragmento da fachada marítima da Coruña.