O narco mantivo unha estreita amizade con Feijóo nos 90

Marcial Dorado desfrutará dun permiso penitenciario de catro días contra o criterio da Fiscalía Antidroga

Feijóo e Marcial Dorado, durante os anos da súa amizade.

O narcotraficante Marcial Dorado Baúlde vai desfrutar do seu primeiro permiso fóra de prisión -4 días- após permanecer 8 anos na cadea. O xuíz de Vixilancia Penitenciaria tomou a decisión de conceder o permiso contra o criterio da Fiscalía Antidroga da Audiencia Nacional.

Vixilancia Penitenciaria tiña que decidir entre dúas opinións distintas. A da Xunta de Tratamento do centro penitenciario de Villabona (Asturias), onde cumpre condena Dorado, favorábel á concesión do permiso. E a da Fiscalía Antidroga, contraria por considerar que existe alarma social e risco dun hipotético quebrantamento da condena.

Finalmente, o xuíz de Vixilancia Penitenciaria acabou optando por lle dar dar a razón ao centro penitenciario e por conceder o primeiro permiso a Dorado para saír da cadea en oito anos.

O narcotraficante cumpre unha condena de 10 anos por narcotráfico e outra de seis por branqueamento de diñeiro.

Dorado é célebre quer polas súas actividades delictivas quer pola súa antiga amizade co presidente da Xunta, co que partillou viaxes de lecer nos anos 90 do pasado século.

O permiso outorgado a Dorado por Vixilancia Penitenciaria é o primeiro chanzo dun proceso que o levará a acceder ao terceiro grao penitenciario como "preparación para a vida en liberdade", segundo reza o auto do xuíz.

O xuíz entende que o narco "reúne todos os requisitos necesarios para obter o permiso de saída, é máis, cumpriu con exceso unha cuarta parte da condena (desde 4 de xullo de 2011) e a metade superouna a 20 de febreiro de 2016".

Canto á hipótese de quebrantamento da condena -segundo as táboas que manexan as autoridades penitenciarias o risco situaríase en 50 por cento-, o xuíz non a considera a eventualidade máis probábel, sendo que "o interno goza de apoio familiar e expectativas de futuro e que cando estivo en liberdade provisoria non se produciu ningunha incidencia nen intento de evasión pese ás causas pendentes".