Marchas simultáneas este sábado desde O Courel e O Bierzo contra os macroparques eólicos

Montañas de Trevinca, onde se proxecta a construción dun parque eólico (Foto: Turismo da Galiza).

Convocada pola plataforma ‘Así Non’ para este sábado.

A plataforma ‘Así Non’ convoca unha marcha reivindicativa para este sábado 3 de abril na defensa do territorio, o seu patrimonio ambiental e cultural, e contra “a enxurrada de grandes proxectos enerxéticos que queren arrasar os montes do Courel, Trevinca, Cabrera e do Bierzo, e os de toda a Cordilleira Cantábrica”,. Segundo manifesta Adega, unha da entidades desa plataforma. 

Estes macroproxectos eólicos e fotovoltaicos “invaden a maior parte do territorio dos municipios nos que se proxectan, desprazando non só as economías locais das que viven os pobos (agricultura, gandería, apicultura, turismo rural...), senón tamén aos habitantes que custodian ese territorio e toda a biodiversidade existente”.

Indican que o problema “non é a enerxía renovábel”, senón “a forma na que se están realizando estes proxectos, de modo masivo, non planificado e a grande escala, en zonas de grande valor ecolóxico e medioambiental onde á perda de biodiversidade e as desigualdades que xera o modelo industrial e centralizado, se engade o impacto visual e ambiental”.

Percorrido

A marcha sairá este sábado, 3 de abril, ás 12:00 horas desde varios puntos. A saída será simultánea. Desde Galiza sairán dúas marchas, desde as localidades de Brañas e Fonteformosa (Folgoso do Courel), para toparse no alto do Revelo coa marcha que sairá desde o lugar de Busmaior (Barxas).

“No alto do Revelo atoparémonos como símbolo de unión e comuñón dos territorios ante unha emerxencia que ameaza a paisaxe, o medio ambiente e a pervivencia da vida dos nosos pobos e aldeas”.

Desde a plataforma lembran que será necesario cumprir con todas as medidas de seguridade fronte a Covid-19, polo que será obrigatorio levar máscara e manter a distancia de seguridade.

 

Entidades da Plataforma "Así Non":

A Cabrera

 ADEGA

A Morteira 

Asociación de Amigos de los Montes Aquilianos

Asociación Custodia do Territorio.

Asociación A Volta Grande do C@urel(Gz)/ CourelLivreDeEolicos 

Asociación Ateneo La Guiana

Asociación Bierzo Vivo 

Asociación La Olla del Bierzo 

Asociación para el Desarrollo Rural Bierzo Cabrera 

Asociación de Estudios Ornitológicos Tyto Alba.

Asociación Plataforma Bierzo Aire Limpo 

Asociación Plataforma Defensa Cordillera Cantábrica

Asociación Souto Vivo 

CMMVVMC Orreos.

Instituto de Estudios Cabreireses 

Junta Vecinal de Valdavido 

ONG Cabrera Natural

ONG Rios con Vida

Plataforma ciudadana para una Transición Ecológica Justa

Proyecto Life oso Courel

Proyecto Orbanajo

Rural Sostenible