En marcha a vacinación de nenos e nenas de entre 12 e 13 anos na Galiza

María Vieira, de 13 anos, primeira menor vacinada na área sanitaria de Ourense esta segunda feira (Foto: Xunta da Galiza).
A primeira hora desta segunda feira comezaron a recibir a primeira dose de Moderna, o fármaco designado por Sanidade para este grupo de idade. A rapazada que vaia facendo os 12 anos entrará progresivamente nas listas de vacinación.

O avance do proceso de inmunización deste colectivo débese, segundo explicou o conselleiro Julio García Comesaña, á chegada dunha partida de vacinas que permitiu adiantar a citación de menores que xa fixesen os 12 anos -e teñan ou vaian facer os 13-. Este matiz, sinalou o titular de sanidade, é "importante", posto que as vacinas non están autorizadas para nenos menores desa idade.

Os nenos e nenas que vaian facendo os 12 anos entrarán nas listas de vacinación de forma progresiva

Máis o apuro tamén responde a outro obxectivo: completar a administración das dúas doses á toda a rapazada desta idade antes de que comece o curso escolar, tendo en conta o período de cadencia de 28 días que exixe o fármaco de Moderna.
Neste sentido, Comesaña indicou que Sanidade creará un sistema de captación para que todos aqueles nenos e nenas que "vaian facendo os 12 anos" entren nas listas de vacinación. Ao igual que os que acoden inocularse esta segunda feira, recibirán a súa cita vía SMS ao número de teléfono asociada á súa tarxeta sanitaria.

Consentimento asinado

Así mesmo, terán a obriga de presentar un documento de conformidade asinado polos seus pais ou titores legais no lugar no que lles corresponda vacinarse. 

Unha exixencia que han de atender tamén os mozos e mozas de entre 14 e 16 anos citados esta cuarta e quinta feira en todas as áreas sanitarias. No seu caso, serán inoculados con Pfizer, cunha cadencia de 21 días que tamén permitirá que este grupo chegue coa pauta completa á segunda quincena de setembro, data prevista para o inicio do curso en secundaria. "Esta é a forma de garantir un inicio de curso aínda máis seguro", destacou Comesaña.

Ademais, ao longo desta semana tamén está previsto administrar segundas doses a mozos e mozas de entre 20 e 29 anos.

Plan de vacinación semanal

Por áreas sanitarias, a de Santiago e O Barbanza citou a máis de 5.000 persoas para esta segunda feira. Na Cidade da Cultura, foron chamados 4.290 mozos, mentres que no Hospital de Barbanza, citouse a 790 menores de 12 e 13 anos. De cara á cuarta e quinta feira foron citados  10.800 mozos de 14 a 17 anos.

En Ferrol, esta segunda feira teñen previsto vacinar a máis de 2.200 persoas de 12 e 13 anos coa primeira dose. A cuarta e a quinta feira administrarán tamén a primeira picada a unhas 3.900 persoas de 14 a 16 anos. A terza e sexta feira inocularán segundas doses a máis de 3.600 persoas de entre 16 e 29 anos.

En Lugo, citaron a un total de 4.580 nenos e nenas de entre 12 e 13 anos, dos que 3.150 foron chamados ao Hospital Universitario Lucus Augusti, 940 ao punto de vacinación do Hospital da Mariña e 490 ao punto de Monforte de Lemos.

En Pontevedra, o recinto feiral acollerá a inoculación de 4.582 mozos de entre 12 e 16 anos para primeiras doses e, no Salnés, o recinto feiral Fexdega de Vilagarcía de Arousa, a outros 1.300 rapaces, tamén para primeiras picadas.

Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras están citados 4.399 nenos e nenas que recibirán a súa primeira dose da vacina contra a Covid. En Expourense están convocados 2.560 menores na quenda da mañá e outros 1.131 na quenda de tarde. Mentres, no hospital de Valdeorras hai 434 citados e no Hospital público de Verín outros 274.

A área da Coruña e Cee citou, ao longo de toda a semana, a un total de 39.620 persoas, 37.556 na Coruña e 2.064 en Cee. A semana empezará coa inoculación de primeiras doses á rapazada  de entre 12 e 16 anos, 5.393 na Coruña e 512 en Cee.
A terza feira irá destinada a completar a pauta de persoas entre 20 e 29 anos, unhas 5.600 na cidade herculina e 434 en Cee. As segundas doses volverán inxectarse a sexta feira, xornada na que tamén administrarán as picadas solicitadas polo sistema de autocita: na Coruña, 9.488 e en Cee, 412.

Entre medias, esta cuarta feira, atenderán 10.181 e 403 citados de entre 12 e 16 anos na Coruña e Cee, respectivamente. Na quinta, hai convocadas 6.881 persoas na Coruña e 303 en Cee. Estes dous días tamén están previstas repescas e autocitas.