A Marcha Mundial das Mulleres rexeita recoller o premio Meninas

A Marcha Mundial das Mulleres decidiu colectivamente non recoller o premio Meninas (Foto: Noa Presas).
O colectivo feminista considera que as institucións deben implicarse na loita contra a violencia machista.

A Marcha Mundial das Mulleres (MMM) vén de publicar un comunicado no que sinala que "hai poucos días recibimos unha comunicación na que se nos informaba do recoñecemento que nos é outorgado desde a Subdelegación do Goberno na Galiza con motivo dos premios Meninas 2022". Estes premios pretenden “poñer en valor a persoas e institucións que incorporan estratexias, iniciativas ou proxectos para combater a violencia sobre as mulleres e promover a igualdade”. 

"Sempre é satisfactorio que institucións que habitualmente dan as costas ao traballo que os colectivos facemos na rúa e que mesmo o complican en ocasións -lembramos o 8M no que decidimos manifestarnos e fomos ameazadas con sancións- ollen para nós e o noso traballo e atopen o espazo e o momento de darlle o valor que ten", afirman desde MMM. 

"A nosa relación, como organización anticapitalista e feminista que aspira a transformar o mundo, é complicada coas institucións", explican. "Entendemos que desde as institucións poden pórse en marcha tímidas políticas ás que podemos nomear como feministas mais tamén a maior parte dos resortes institucionais responden ao reforzo e reprodución do sistema socioeconómico e político no que vivimos e que nós combatemos", denuncian.

"Para nós, os rituais do institucionalismo que non implican un maior compromiso coa nosa causa non supoñen un avance no recoñecemento do noso traballo, sabemos que os dereitos das mulleres se conquistan nas rúas e que o mundo se transforma mudando tamén as actuais institucións que sustentan unha orde machista, clasista e capitalista", aseveran. 

Neste sentido o chamado a recibir un premio deste tipo "supón para nós unha oportunidade para analizar que papel xoga no desenvolvemento da nosa acción política un recoñecemento institucional que, sentimos, non recolle ningunha das nosas demandas e preocupacións", engaden.

"Agradecemos que se nos diga que facemos un bo traballo no combate da violencia machista, mais o que queremos é que se dote de medios e recursos esta loita, que se escoiten as nosas demandas sobre a denuncia da xustiza patriarcal, que artefactos como o Pacto de Estado pasen da propaganda aos feitos, que os procesos de denuncia de violencia non nos revictimicen e mesmo que se analice de forma crítica os poucos avances que teñen suposto nos últimos anos os mecanismos postos en marcha dende as institucións para combater a violencia machista", sinalan. 

Así, "decidimos colectivamente agradecer o recoñecemento do labor de máis de 20 anos de traballo político na Galiza que leva feito a Coordinadora Nacional da MMM grazas a todas as compañeiras que fixeron e fan parte dela que é o que nos dá prestixio e unha voz no movemento feminista deste país", din.

Porén, explican, "non imos recoller este recoñecemento institucional, para nós o maior recoñecemento é que se abran as portas cando chamamos a elas demandando ou reclamando medidas ou accións concretas, que se dispoñan recursos para o traballo de profesionais e colectivos sociais, que non se dificulte o noso traballo na rúa e que se dediquen máis esforzos a políticas eficaces e útiles contra a violencia machista que a organizar unha gala para tirarnos unha foto e dicir o moito e ben que o estamos facendo".