A Marcha Mundial das Mulleres na Galiza aposta por un 8-M máis combativo

Un intre do Encontro Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza. (Foto: Noa Presas)
O Encontro Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza acorda orientar o traballo cara a conquista de medidas concretas a través de accións máis incisivas e combativas.

Construír un feminismo de base, anticapitalista, antirracista e antiimperialista na Galiza, este é obxectivo principal da Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, que desenvolveu onte o seu Encontro Nacional, baixo o lema “Feminismo para transformar a vida”.

Arredor de 70 feministas de 32 localidades do país debateron na Estrada (comarca de Tabeirós-Terra de Montes) sobre cuestións como os desafíos do feminismo após a pandemia de Covid-19, propostas e demandas concretas ou como interpelar ao poder.

Unha fase máis combativa

Nunha xuntanza orientada a "rearmarse, redefinir as prioridades e os espazos de loita”, o Encontro decidiu con respecto ao 8-M “entrar nunha fase máis combativa porque temos que conseguir que esas manifestacións teñan consecuencias máis reais das que veñen tendo”, explica Ximena González, activista da plataforma, en declaracións a Nós Diario.

Malia a mobilización de exercicios pasados, non se concretan os cambios institucionais, indica. Coa pandemia, relata que se recoñeceu o papel das mulleres en traballos precarios nos que constitúen a maioría do persoal, “pero non se concretou en melloras”.

Axenda galega

Ademais, no plenario aprobouse reforzar o traballo local e profundar na construción dunha axenda galega propia que aborde cuestións cada vez máis específicas, buscando alcanzar medidas concretas interpelando as institucións a todos os niveis.

Tamén reafirman que as compañeiras trans son compañeiras do movemento feminista, “non hai debate sobre a súa participación”, afirma González, nun Encontro que coincide co Día da Memoria Trans, que homenaxea as persoas que defenderon os dereitos do colectivo desde os inicios deste movemento social nos anos 60 do século pasado.

O último aspecto que recibiu o visto e prace da xuntanza foi o apoio ao protocolo galego contra o feminicidio, que aínda sendo susceptíbel de mellorar, continúa a ser unha ferramenta de primeiro orde para rematar con esta lacra, aseveran.

Durante as máis de dúas décadas de traballo, a Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres organizou na Galiza o VII Encontro Internacional da Marcha Mundial, así como dous Encontros Europeos nos que participaron mulleres dos cinco continentes.