A Marcha Mundial das Mulleres denuncia o desmantelamento das políticas de igualdade do Concello de Ourense

A Coordinadora Local da Marcha Mundial das Mulleres anuncia a mobilización dos colectivos feministas da cidade en sinal de protesta pola improvisación e o desleixo das políticas de igualdade do Concello de Ourense. Terá lugar esta sexta feira ás 19 horas na Praza Maior.

"As deficiencias nos servizos públicos do Concello de Ourense destinados ás mulleres non son algo novo senón que xa veñen do mandato anterior con goberno en solitario do PP. O problema vese agora porque a institución esta en mans dun Alcalde misóxino e irresponsábel como Gonzalo Jácome, que esta executando a demolición programada por Jesús Vázquez”.

Con estas palabras, a Coordinadora Local de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres abre un comunicado no que cuestiona a grave irresponsabilidade do Concello coa vida das mulleres vítimas de violencia machista ante “o anuncio da retirada do programa de protección VioGén".

Segundo explica, a recuada do Alcalde nas últimas horas non abonda para corrixir a atención deficitaria que se lles presta ás vítimas de violencia de xénero, e que se manifesta na “demolición” da Concellaría de Igualdade, baleirada de contido; na retirada de recursos humanos e materiais de programas e servizos específicos, fundamentais para o seu correcto funcionamento, ou na situación de precariedade que atravesa o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM).

“Non existen informes recomendando o abandono do programa VioGén pero si os hai reclamando máis recursos para a atención das mulleres que sofren violencia machista, que foron ignorados antes polo goberno do PP e agora polo bipartito PP-DO”.

Continuidade do programa de seguimento integral dos casos de violencia de xénero

Sobre o papel da Policía Local no marco do programa VioGén, aseguran que unha unidade integrada por 5 axentes quedou con un só policía que chegou a atender a 52 mulleres, un recorte que impide que a prestación do servizo. “Hoxe en día hai un só axente atendendo a 31 mulleres”, un recurso insuficiente para poder ofrecer ás mulleres medidas de protección eficaces, “o que provoca que se derive esa atención fóra do concello de Ourense”.

A Marcha Mundial das Mulleres apela á responsabilidade do Goberno local nesta materia, en coordinación con outras administracións públicas. Así, reclama “unha rectificación pública e a dotación da unidade do VioGén de axentes suficientes para reverter o desmantelamento sufrido nestes anos”, ademais da “implicación transversal e coordinada por parte das concellarías de Sanidade, Educación e Benestar Social na loita contra a violencia contra as mulleres e as súas crianzas”

O movemento feminista de Ourense, formado pola Marcha Mundial das Mulleres, As do 8 e Folo Falando Nós; convoca a cidadanía a unha mobilización a vindeira sexta feira, día 18. Ás 19 horas xuntarase na Praza Maior para denunciar “a improvisación e o desleixo das políticas de igualdade do Concello de Ourense”.