Jácome recúa e deixa aberta a decisión de manter a Policía no sistema de control de violencia machista

O alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recoñeceu esta cuarta feira, día 16, que a decisión de retirar a Policía Local do sistema VioGén de seguimento integral dos casos de violencia de xénero, anunciada a pasada terza feira tras unha xunta de seguridade local extraordinaria no Concello e fixada para o vindeiro 22 de marzo de 2020, non é definitiva.
 

O rexedor por Democracia Ourensana compareceu ante os medios para expoñer que a resolución aínda se someterá a revisión, e cargou a responsabilidade na xefa da Policía Local xa que, segundo expuxo, foi quen recomendou sacar o Concello deste sistema estatal, que coordina os distintos corpos de seguridade para o control das mulleres vítimas de violencia machista, ante a mala prestación que se estaba a realizar por falta de persoal. “A resolución tomouse por unha decisión técnica”, argumentou.

Segundo avanzou, será nos próximos días cando se “proceda ou non politicamente”, despois de analizar a información ao respecto. “Pode que a técnica se equivocase”, manifestou. “Non se pode ter un servizo que se está facendo mal cando hai outros corpos que o poderían facer mellor", defendeu Jácome, tal e como recolle Europa Press. Desde a alcaldía ourensá manteñen, en resposta ás preguntas de Sermos Galiza, que a retirada do Concello de VioGén nunca se tomou, e que o que se trasladou no día de onte foron as consideracións que se formularon durante a Xunta de seguridade local.

Moción do BNG

A esa hora, as críticas á saída deste protocolo chegaban xa desde todas as frontes. Na oposición municipal, o BNG presentou por rexistro unha moción para instar o Goberno municipal a non abandonar o protocolo VioGén, na que tamén se solicita que o Concello garanta que o persoal dedicado a estas tarefas teña a formación e os instrumentos necesarios para loitar contra a violencia machista. Nela, chámase tamén a ampliar os efectivos policiais e creando unha unidade específica.

“É unha auténtica barbaridade deixar as mulleres vítimas de violencia machista absolutamente soas e á deriva”, censurou o seu portavoz, Luís Seara, quen achacou a resolución “ao alcalde e ao seu grupo de Goberno, que decidiron saír por non ter efectivos”. “Ningún dos socios que conforman o Goberno considera que a loita contra a violencia machista sexa unha prioridade na súa acción política", considerou.

Pola súa banda, o PSOE solicitou un pleno extraordinario para tratar esta decisión, para o caso de se manter, e advertiu, por boca da concelleira Natalia González, que a saída deste sistema comporta tamén unha perda de fondos destinados á loita contra estas violencias, procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O portavoz socialista no consistorio, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou a Jácome como responsábel “deste erro clamoroso” e sinalou que a Xunta de seguridade local fora convocada polo propio rexedor e a concelleira de seguridade “coa finalidade de estudar a retirada do VioGén e eliminar a oficina municipal de denuncias”. Tamén desde Ciudadanos se lle afeou ao alcalde que “coma sempre, bote as culpas ao funcionariado, cando este traballa cos medios dos que dispón”. 

Retirada do apoio

Desde o Parlamento galego, o secretario do PSdeG, Gonzalo Caballero, equiparou o alcalde ourensán coa formación Vox pola decisión, agora en suspenso, un comportamento que cualificou de “gravísimo" e que, para o líder socialista, merece que o Partido Popular retire o seu apoio a Democracia Ourensana no consistorio da capital provincial. Así, Caballero instou o presidente galego e líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, a pronunciarse sobre a decisión. "O PP está incorporado ao Pacto de Estado (contra a violencia de xénero) e o que hai é que ser coherente co que se di e co que se expón. Se o PP quere garantir a seguridade das mulleres e comprometerse na loita contra a violencia machista, ten que facer que, aí onde goberna ou onde apoia a quen goberna, se dean pasos adiante", incidiu.

“O que houbo durante estes anos en Ourense foi un desleixo nestes servizos, e o que pasa agora é que o novo alcalde executa as políticas que viña desenvolvendo o PP”, afirma a Coordinadora Galega de Marcha Mundial das Mulleres

A contestación social diante do anuncio do alcalde de retirar a Policía municipal do sistema VioGén tampouco se demorou. A Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres convocou para as próximas horas unha comparecencia para expoñer a súa postura fronte a decisión e sobre o estado dos servizos que atenden mulleres no Concello ourensán. “O que houbo durante estes anos en Ourense foi un desleixo nestes servizos, e o que pasa agora é que o novo alcalde executa as políticas que viña desenvolvendo o PP”, avanzou a Sermos Galiza a portavoz Ximena González.

Desde alcaldía sinalan tamén que o primeiro edil deixou claro en todo momento que non se van desatender as vítimas, e advírtese de que a Subdelegación do Goberno é coñecedora das carencias e limitacións da Policía ourensá, e confirman a intención de sacar de forma inmediata as prazas para o cadro de persoal do corpo municipal para tentar recuperar un mínimo de efectivos, dos que unha parte, avanzan, irán destinados a prevención e control da violencia de xénero.