Marcha contra a invasión eólica en Terra de Montes

Marcha contra a avalancha de proxectos eólicos en Terra de Montes (Foto: BNG).
Once novos parques eólicos ameazan o patrimonio, a actividade económica e a calidade de vida da veciñanza dos concellos da Terra de Montes. 

Unha marcha convocada polo BNG serviu este domingo para denunciar a "avalancha" de proxectos eólicos nos concellos da Terra de Montes que, segundo denunciou o deputado nacionalista Luis Bará, teñen efectos negativos no patrimonio cultural e natural, e tamén "unha forte afectación a actividades económicas esenciais e a usos residenciais, polo emprazamento dos parques nas inmediacións de granxas e de zonas habitadas”.

Nesta liña, a formación nacionalista vén de rexistrar no Parlamento galego unha batería de iniciativas sobre os 11 parques eólicos previstos nos concellos da Terra de Montes, que se suman aos 254 muiños xa instalados nas serras do Candán e do Cando, incluídas na Rede Natura e ameazadas por futuros proxectos de repotenciación.

Segundo relata Bará, os 11 novos parques en tramitación, que suman 85 muíños e 341 megavatios (MW) de potencia instalada, comparten infraestrutiuras, subestacións e liñas eléctricas de evacuación, "polo que estamos diante dunha fraude de lei de fragmentación dun megaparque en proxectos máis pequenos".

A maiores dos parque, o deputado do BNG di que hai que ter en conta as "inmensas afeccións" dos polígonos e os impactos doutras infraestruturas como as subestacións, as canalizacións, as pistas de acceso, as gavias, as explanacións da fase construtiva, así como as liñas eléctricas, que teñen unha forte afectación en zonas habitadas, como é o caso das liñas de alta tensión Portovidros-Campo das Rosas, Tramontana-As Penizas e As Penizas-Beariz.

Ademais das afeccións ambientais, paisaxísticas, ao patrimonio cultural, sociais, económicas, algúns destes parques e infraestruturas asociadas poñen en risco proxectos singulares da comarca de Terra de Montes como a Rapa das Bestas, festa declarada de Interese Internacional, ou o Observatorio Astronómico de Forcarei.