O temporal arrastra os cadáveres de varios cetáceos ás praias das Rías Baixas

Á esquerda, a praia de Bascuas, en Sanxenxo; á dereita, o golfiño achado morto. (Fotos: Mancomunidade do Salnés | Europa Press)
O pasado ano recalaron na costa galega até 316 animais.

O temporal rexistrado nos últimos días provocou que o mar arrastrase até a costa de Sanxenxo e doutras zonas das Rías Baixas varios cadáveres de cetáceos. Fontes da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) explicaron esta terza feira que varios golfiños mortos foron achados en praias do Salnés, como a da Lanzada, nos últimos días. Alí foi localizado o corpo dun exemplar xuvenil de balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata) na noite do pasado domingo. Tamén se notificaron casos no Grove ou Nigrán.

O Concello de Sanxenxo informou esta mesma terza feira de que na tarde da pasada xornada atopouse un golfiño. A Policía Local deu aviso ao Grupo de Rescate e Investigación de Mamíferos Mariños (Gremmar) e a Concellaría de Medio Ambiente retirará o golfiño varado da praia.

Desde Cemma apuntaron que, neste tipo de casos e cando o permite o estado do cadáver, adoitan tomar mostras do animal. Precisamente, dos localizados nas Rías Baixas nos últimos días, o que estaba "en mellor estado" era o da praia de Bascuas, en Sanxenxo, [na imaxe], que apareceu con profundos cortes, que as autoridades presupoñen como froito dunha necropsia.

Animais varados

As costas galegas rexistraron un total de 316 animais varados ao longo de 2022, 250 deles cetáceos, unha cifra superior á media dos últimos 30 anos. Entre os exemplares máis curiosos está a primeira visita dunha quenlla de area (Odontaspis ferox), así como tres tipos diferentes de zifios (Ziphiidae), unha especie de balea con forma de golfiño pouco común.

Así figura no informe anual realizado por Cemma, no que subliña que este número de varamentos é "bastante superior á media anual das últimas tres décadas", que se sitúa en 236. Entre os 316 individuos, a distribución é a seguinte: 250 cetáceos, 14 pinnípedos —como leóns mariños e focas—, 38 quenllas, sete tartarugas e sete lontras. Pola súa parte, máis da metade (54%) dos cetáceos son golfiños comúns.

O 17% dos mamíferos atendidos foron exemplares varados vivos, entre os que destacan tres golfiños comúns que puideron ser rescatados en Boiro, así como outros trece que foron reintroducidos polos propios alertantes en Ponteceso.

A maioría destes animais quedan varados nas Rías Baixas, 62% do total entre A Guarda e Fisterra. No entanto, todos os lobos mariños atópanse na zona norte da Galiza, dado que son cachorros de colonias de cría das illas británicas e Francia.