Máis de 300 animais mariños remataron varados na costa galega en 2022

O lobo mariño ‘Maxibar’ volveu ao medio natural tras completar a súa recuperación (Foto: Cemma).

A cifra de animais mariños varados na costa galega este pasado 2022 está por riba da media e atopáronse desde raros zifios á primeira quenlla solraio. Os datos son da pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), que segue coa recuperación da tartaruga Nemiña após liberar crías de lobos mariños chegados das illas británicas e Francia.

Durante o ano 2022, as costas galegas rexistraron un total de 316 animais varados, 250 deles cetáceos, unha cifra por riba da media das últimas tres décadas. Entre os exemplares máis curiosos atópase a primeira visita dunha quenlla solraio, así como tres tipos diferentes de zifios --unha especie de balea con forma de golfiño pouco común--.

Estes son os datos que figuran no informe anual realizado pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), que subliña que este número de encallamentos é "bastante superior á media anual” dos últimos 30 anos que se sitúa en 236.

Entre os individuos que se atoparon había 250 cetáceos, 14 pinnípedos (como os leóns mariños e focas), 38 quenllas, sete tartarugas e sete lontras. Pola súa parte, o 54% dos cetáceos son golfiños comúns.

Entre os exemplares atopados, un 17% estaban vivos, como os  tres golfiños comúns que puideron ser rescatados en Boiro, así como outros 13 que foron reintroducidos polas propias persoas que alertaron da súa presenza en Ponteceso.

A maioría destes animais quedan varados nas Rías Baixas, o 62% entre A Guarda e Fisterra. Porén, todos os lobos mariños atopados estaban na zona norte da Galiza ao seren crías de colonias das illas británicas e Francia.

Aínda que gran parte destes exemplares aparecen entre xaneiro e marzo, Cemma explica que este fenómeno "xa non é só único no inverno", pois nos últimos anos constátanse picos durante o verán. A entidade chama a atención sobre o "alto número" de arroaces detectados, que foron preto dunha trintena, cando fai 10 ou 15 anos supuñan a metade, relata Cemma.

Especies pouco comúns

A Galiza ten documentada a presenza de perto de trinta especies de cetáceos, aínda que non todos os anos aparecen todas. En 2022, chegaron por primeira vez até tres especies diferentes de zifios no mesmo exercicio, que por estas costas só hai un exemplar ao ano no mellor dos casos. En detalle, foron zifios de tipo común (Cuvier), así como de Blainville e Sowerdy. Tamén se observou un cachalote pequeno.

Especial mención require a primeira vez que se avista na Galiza unha quenlla solraio ('Odontaspis ferox'). O exemplar, de case tres metros e medio de lonxitude, foi capturado accidentalmente por un pesqueiro en xuño na ría de Arousa. Aínda que foi liberado con vida, posteriormente, penetrou na ría para acabar morto en Vilanova de Arousa.

Este tipo de quenlla vive en augas de todo o mundo, mais normalmente en zonas tropicais ou de augas tépedas. É frecuente no Mediterráneo. O exemplar varado na Galiza foi trasladado ao Hospital Veterinario Rof Codina, en Lugo, para realizar un TAC da súa cabeza para un estudo anatómico.

Recuperación de animais

En relación á recuperación que realiza o Cemma de individuos, ao longo do ano pasado levou a cabo a de catro lobos mariños -dous deles grises- e dúas tartarugas comúns.

Entre estes, unha tartaruga segue en recuperación (chamada Nemiña), mentres que un cachorro de lobo mariño faleceu após chegar a Xove con "só 13 quilos", cando estes exemplares teñen entre 30 e 35 quilos após o destete. Isto fixo a recuperación "moi difícil", de forma que seguiu perdendo peso até a súa morte. O resto conseguiron volver ser liberados.

Segundo o Cemma, un dos problemas que se atopa cada ano nestes animais é a presenza de plásticos. A tartaruga Nemiña, atopada na praia homónima de Muxía, chegou ensarillada nunha maraña de cabos e un saco de rafia.

Outra actuación destacada foi a de desenterrar e limpar o esqueleto de balea común que se atopou en 2019 en Ponteceso  para destinalo a unha futura montaxe en colaboración co Concello.

Seguimento do golfiño ‘Manoliño’

A Cemma realiza un seguimento desde 2019 do golfiño solitario Confi, tamén coñecido como 'Manoliño', na ría de Muros-Noia. O pasado 30 de outubro, este mamífero apareceu no porto do Freixo, en Outes, cun arpón cravado.

Após varias xornadas de intentos para poder sacar o arpón ao golfiño, días máis tarde constatouse que xa non tiña cravado o instrumento no costado, á vez que se observou unha mellora na ferida.