Xuízo do Alvia

Os maquinistas defenden que o risco da curva de Angrois era un feito coñecido

Declaración do maquinista Manuel Mato, esta terza feira durante o xuízo do Alvia (Foto: Europa Press)
O aviso de alerta de Iglesias Mazaira sobre o perigo da curva tería chegado polo menos a nove cargos de Adif a través de correo electrónico.

A defensa do maquinista Francisco Garzón recorreu ao testemuño de varios maquinistas durante as últimas xornadas do xuízo polo accidente do tren Alvia defender a idea de que ese o risco da curva de Angrois (Santiago de Compostela), na que se produciu o descarrilamento, era "coñecido" polos profesionais do sector.

Varios maquinistas ratificaron durante as súas comparecencias que coñecían o aviso dun xefe de maquinistas, José Ramón Iglesias Mazaira, sobre o perigo da Grandeira. Con todo, esquivaron dunha maneira ou outra as preguntas doutras partes (entre elas da Avogacía do Estado, que representa a Adif, e tamén do fiscal e da xuíza) sobre por que eles non elaboraron ningún informe nin trasladaron de forma escrita este aviso.

"Que teñamos que ser os maquinistas os que digamos onde hai que poñer os sinais...", protestou esta terza feira o maquinista Manuel Mato, ante o que a xuíza lle respondeu que "alguén ten que ser, porque levan centos de persoas".

A pasada semana, foi outro formador de maquinistas, Manuel González Sánchez, ao que tamén chegou o correo co que José Ramón Iglesias Mazaira alertaba dunha sinalización deficiente na Grandeira, quen afirmou que aceptaron "curva como animal de compañía" e tiveron que "convivir con ela" até o día do sinistro.

Deste modo, xustificou "convivir con ela" polo feito de que Iglesias Mazaira obtivo como resposta que esa situación -ter que pasar de 200 a 80 quilómetros por hora sen un sinal que o notificase- estaba "amparada normativamente".

Nesa curva morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas o 24 de xullo de 2013 ao descarrilar un tren Alvia que chegou a ese punto cun exceso de velocidade, feito polo que se xulga ao maquinista, que freou tarde por un descoido ao atender a chamada do interventor, e ao ex xefe de seguridade de Adif, pola análise de riscos que debería ter detectado ese perigo.

Os testemuños dos maquinistas

Esta terza feira, o maquinista xefe de tren Manuel Mato, condutor de trens Alvia e coñecedor da liña Ourense-Santiago, dixo que durante a formación trasladóuselles "que había que atarse os machos". O maquinista Francisco Garzón está acusado xunto ao ex director de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte e, segundo ratificou esta terza feira outro maquinista, Abel Fortes, que foi o seu formador, as prácticas nesa liña recibiunas por unha vía "totalmente diferente" á que rexistrou o descarrilamento.

Este é un feito que o avogado de Garzón vén repetindo desde o arranque do xuízo, e tivo como consecuencia, como el mesmo concluíu esta xornada, que o seu defendido "se atopara coa situación da vía 1 na primeira viaxe que fixo con viaxeiros e que o que tivo que facer tivo que inventalo el só", en referencia a que debía iniciar a redución de velocidade de 200 a 80 quilómetros por hora sen ningún sinal que llo advertise.

A continuación declarou Juan Carlos Cons, o xefe de Francisco Garzón, que tamén denunciou que "o único que había" na liña para a salvagarda da seguridade era “que o condutor se dese conta" de pasar a 80 quilómetros por hora pola curva da Grandeira.

Outros maquinistas

Con anterioridade xa compareceu o maquinista Javier Illanes, que levou o tren Alvia desde Medina del Campo até Ourense, antes de que descarrilase en Angrois. Este asegurou que era "de dominio público" que a curva da Grandeira estaba "desprotexida".

O xefe de maquinistas José Ramón Iglesias Mazaira subliñou durante a súa comparecencia que mantivo unha conversación co responsábel da xerencia de seguridade na circulación de Renfe, Ángel Lluch, mais que a resposta foi que ese tramo estaba "amparado normativamente", ao que se agarran os maquinistas para xustificar non enviar máis informes sobre o perigo da curva.

Pola súa parte, quen tivo responsabilidades en Adif e foi chave no desenvolvemento da liña, Alfonso Ochoa, lanzou un reproche explícito aos maquinistas, por facer comentarios "na cantina" en lugar de enviar o seu aviso a través doutras canles. Porén, o aviso de alerta de Mazaira chegou polo menos a nove cargos a través de correo electrónico.