Maquinistas cren que o tramo do AVE Taboadela-Ourense "non é seguro"

Inauguración da liña do AVE Madrid-Ourense esta mesma semana. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Os expertos falan dalgunhas eivas e consideran que é un "síntoma claro das présas á hora de inaugurar". Por outra banda, o BNG de Ferrol, como o de Lugo, exixiu un servizo ferroviario “digno” para a comarca.

Maquinistas discrepan do modo de proceder que lles marca o administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif) no tramo entre Taboadela e Ourense, uns 15 quilómetros pertencentes á recentemente inaugurada liña de alta velocidade entre Madrid e Galiza, xa que cren que "non é seguro".

Esta advertencia foi trasladada na segunda feira nun foro coa participación da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, entre outros actores. "Non se obtivo unha resposta clara", apuntan fontes consultadas por Europa Press presentes na devandita reunión.

"O que están a tentar é mitigar un suposto despiste. Pero é todo moi inxustificado. Porque mitigas por unha banda pero xeras outros (riscos)", apuntan fontes da área técnica do Semaf.

Este sindicato explica que os maquinistas advertiron a situación a semana pasada ao revisar a documentación, apenas sete días antes da apertura da liña, "síntoma claro das présas á hora de inaugurar".

O modo de proceder do que avisan consiste "nunha manipulación" do sistema de seguridade ERTMS que, a xuízo do  Semaf, "contravén todos os preceptos" da UE.

A primeira xornada de AVE no traxecto Ourense-Madrid saldouse coa plena ocupación das prazas dispoñíbeis, segundo informou Renfe, que cifrou en case 5.000 persoas as usuarias.

Servizo ferroviario “digno”

Mentres se desenvolvía a primeira xornada de traxectos comerciais do AVE, o BNG concentrábase fronte á estación de ferrocarril do concello de Ferrol para exixir un servizo ferroviario “digno” para o municipio. A formación nacionalista critica que “pese á suposta” chegada do AVE á Galiza, Ferrol segue illada territorialmente co resto do país e do Estado en materia de transporte público, “tanto por ferrocarril como por estrada”. 

O voceiro municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas, definiu como “esperpento” que se anuncie a chegada do AVE á Galiza mentres os dirixentes políticos responsábeis “gardan silencio” ante o comportamento “totalmente indolente” do Goberno español ao respecto das conexións ferroviarias de Ferrol. Rivas sinalou tanto a PSOE, que ocupa a Alcaldía de Ferrol, como o PP, na Xunta, pola súa “hipocrisía”. O voceiro nacionalista lamentou que para os partidos estatais o prioritario sexa conectar Galiza con Madrid, e asegurou que o Bloque “non vai calar e seguirá a traballar para superar o illamento da cidade e da comarca”. Finalmente, Rivas exixiu que se asuman os compromisos acadados coa veciñanza de Ferrol e “se desenvolvan os investimentos comprometidos” en materia ferroviaria.

No mesmo sentido manifestouse na segunda feira o tenente de alcalde do concello de Lugo e portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, que viaxou en tren desde Lugo até A Coruña para “amosar o tempo que require este traxecto”. A duración da viaxe -que iniciou ás 8.25 horas- estaba prevista en unha hora e 47 minutos, mais unha incidencia producida por un tren de mercadorías á altura de Curtis obrigou a rematar o percorrido en autobús e elevou a duración até as dúas horas e 35 minutos, chegando á Coruña ás 11.02 horas. 

Tras a viaxe, Arroxo, apuntou que “unir Galiza con Madrid está moi ben”, mais “a verdadeira necesidade das galegas e galegos é unir as cidades e vilas de Galiza, sobre todo as de interior, porque as persoas viaxan maioritariamente, entre Lugo, Santiago e Ourense, cidades que non contan cunha conexión de calidade”.