Xuízo do Alvia

O maquinista critica fallos de seguridade no sinistro do Alvia

Francisco Garzón, en primeiro termo, co seu avogado chegando á Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)
O maquinista do tren Alvia accidentado en Angrois (Compostela) o 24 de xullo de 2013 foi o protagonista da sesión desta quinta feira no xuízo do sinistro. Francisco Garzón destacou a ausencia de medidas de seguridade na liña de alta velocidade entre Ourense e Compostela e reiterou as escusas ás vítimas e ás súas familias.

O maquinista do tren Alvia sinistrado en Angrois, Francisco Garzón, reiterou na súa declaración desta quinta feira no xuízo o perigo que representaba para a circulación o tramo de alta velocidade ao seu paso por Angrois. A este respecto, recoñeceu que advertira do risco do traxecto “ao xefe de seguridade da zona” e confirmou a ausencia das medidas de seguranza requiridas pola normativa, sinalando que “coas medidas que hai agora, que son as que tiñan que estar daquela” non sería posíbel a día de hoxe que se repetise o accidente.

Garzón afirmou que en todo o momento respectou os sinais de circulación e os límites de velocidade. Nesa dirección, preguntado polo seu letrado, Manuel Prieto, “se se podía chegar a 200 quilómetros á hora sen infrinxir ningunha norma, respondeu que “non había ningunha limitación, nin ningún sinal, nin ningunha baliza, nada de nada”, concluíndo que “era a velocidade permitida”.

“Non había ningún sinal que me dixese reducir a velocidade”, continuou o maquinista do Alvia, quen aseverou que "en todo momento seguiu a indicación dos sinais" e que "pode, se non hai ningunha limitación ou baliza, que non había ningunha, continuar a 200 quilómetros por hora”.

A ausencia das medidas de seguridade requiridas pola lexislación neste tramo ferroviario é unha das denuncias das vítimas. Neste sentido, critican que a vía carecía do sistema de seguridade ERTMS malia estar recollida a súa instalación no proxecto orixinario.

Ao tempo, lembran que un informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) denunciou o incumprimento da normativa de seguridade por parte do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif). Nesa liña, en xullo de 2013, o propio presidente de Adif, Gonzalo Ferre, afirmou que “o accidente evitaríase se ese tramo contase co sistema de seguridade ERTMS”.

Cortabitarte

A polémica volveu á sala de vistas da man de Andrés Cortabitarte, o responsábel de seguridade de Adif no momento do sinistro e a outra persoa imputada canda Francisco Garzón. Cortabitarte solicitou a través do seu letrado atrasar a súa declaración para a quinta feira 13 de outubro, aceptando a maxistrada a súa pretensión.

Precisamente, a xuíza, Elena Fernández Currás, apoiou a solicitude argumentando que o directivo de Adif  “non se atopa en condicións por ese incidente [foi golpeado polo pai dunha vítima mortal do accidente esta cuarta feira]" e que “existen días máis que suficientes” para que “poida reporse”.

A resolución da maxistrada de dar máis tempo a Cortabitarte xerou malestar entre as vítimas. Neste sentido, o avogado da Plataforma de Vítimas do Alvia, Manuel Alonso Ferrezuelo, insistiu en que a declaración "podíase facer mañá [por esta sexta feira], que para iso estaba o día habilitado” e lamentou que se lle dea a Cortabitarte “unha semana para preparar en conciencia a súa declaración en función do que declarou Garzón”.