O mapa mundial da OMS indica que a metade da poboación galega respira aire contaminado

Ramón Varela, ex-presidente de ADEGA e experto en contaminación atmosférica, advirte dos altos niveis nas sete principais cidades e as súas áreas de influencia.

O mapa mundial que vén de facer pública a Organización Mundial da Saúde (OMS) indica que a metade da poboación galega estaría a respirar aire contaminado. Así o recolle o doutor en Ciencias Biolóxicas e ex-presidente de Adega, Ramón Varela, nun artigo. Así, sostén que a metade dos galegos, en base aos parámetros da OMS, estariamos “respirando aire contaminado con partículas pequenas (PM2,5) con valores algo superiores aos “valores obxectivo” establecidos pola OMS, dándose o paradoxo que a gran maioría dos valores estarían dentro da lexislación vixente”.

No artigo defende que as 7 cidades importantes de Galiza e a súa área de influenza terían valores comprendidos entre 11 e 19 microgramos/metro cúbico de PM2,5 e algunhas superarían tamén os valores de 20 microgamos/metro cúbico para partículas PM10. En Europa as zonas consideradas mais “limpas” segundo a OMS por estar por debaixo dos “valores obxectivo” serian: Escocia e norte de Inglaterra, Irlanda, Noruega, Suecia, Finlandia e parte de Dinamarca.

Para a realización deste Mapa Mundial, a OMS elaborou un novo modelo de calidade do aire que ten en conta datos recollidos polos satélites, datos das estacións terrestres de milleiros de localidades rurais e urbanas e modelos de transporte da contaminación na atmosfera. Os datos reflicten que o 92% da poboación mundial vive en lugares  onde os níveis de calidade do aire exceden os limites fixados en media anual pola OMS, e recoñece que “para que as persoas estean sans, deben respirar aire limpo, desde a primeira inhalación ate a última”.

Fontes da contaminación e alternativas

Ramón Varela afirma que entre as principais fontes de contaminación do aire a OMS cita os modos ineficientes de transporte, as centrais eléctricas, as actividades industriais e a queima de combustíbel e residuos. “Recoñece que existen solucións para a situación actual como un transporte sustentábel nas cidades, as enerxías renovábeis, a redución de emisións industriais, a utilización de combustibles limpos, intensificar a vixilancia da contaminación do aire a nivel local...”

A contaminación por partículas “inflúe, aumenta ou causa enfermidades cardiovasculares, accidentes cerebrovasculares, enfermidades crónicas e agudas das vías respiratorias e pulmón e chega a producir cancro de pulmón e mesmo recoñecendo a OMS un aumento de mortalidade por esta causa, a lexislación da UE é sumamente permisiva e contraria a rebaixar os limites legais establecidos que duplican os valores fixados pola OMS”.