INFORME DE ECOLOXISTAS EN ACCIóN

O 92% da poboación galega respira un aire prexudicial para a saúde

térmica

O 76% do territorio de Galiza está exposto a niveis de contaminación que dana a vexetación, conclúese no estudo. As principais fontes contaminantes: térmicas, certas grandes industrias e tráfico.

Un informe de Ecologistas en Acción debulla e analiza a calidade do aire no Estado español, analizando o seu estado nos diferentes territorios, tamén en Galiza. Xosé Veiras é quen fai o estudo sobre o noso país, recompilando os datos de 51 estacións de control de contaminación, pertencentes á Xunta, concellos e algunhas industrias. En base ao estudo dos datos proporcionados por eses medidores, o informe conclúe que o 92% da poboación galega respira un aire prexudicial para a saúde segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Ademais, un 76% do territorio de Galiza está exposto a uns niveis de contaminación que dana a vexetación.

“O cadro xeral que presenta Galiza é o dun territorio con catro principais fontes de contaminación [do aire]: algunhas grandes industrias, as centrais termoeléctricas de carbón, o tráfico marítimo e o tráfico rodado nas grandes urbes”, indica Xosé Veiras no documento. A contaminación xerada por estes focos, explica, esténdese polo resto do territorio galego, “afectando a zonas máis afastadas e rurais na forma de ozono troposférico”. Isto é o que acontece, por exemplo, na franxa Ordes-Eume ou na de Miño-Limia.

No noso país os contaminantes con maior incidencia foron, entre outras partículas, o mencionado ozono troposférfico e dióxido de xufre. Así, nas cidades da Coruña e Vigo hai concentración de partículas por riba dos niveis permitidos polo OMS. Algo que tamén se detectou noutras áreas do país.

No que atinxe ao dióxido de xofre (SO2), rexistráronse concentracións medias diarias por riba do recomendábel pola OMS en varias estacións galegas, a maioría situadas perto da térmica de Meirama ou grandes industrias. Así, en Arteixo, Sarria e Xove, baixo influencia das emisións da área industrial Arteixo-AS Coruña, Cementos Cosmos e Alcoa an Cibrao. Os peores niveis de dióxido de xofre detectáronse na estación ubicada ao sur da cementeira situada en Oural (Sarria).

 

No informe apóntase que non se dispuxo de información para avaliar os niveis de benzeno hidrocarburo ou metais pesados.