Entrevista

Manuel Martín: "O obxectivo da Xunta é deixar a Atención Primaria sen pediatras"

Manuel Martín é voceiro de Sos Sanidade Pública. (Foto: Nós Diario)

SOS Sanidade Pública ten convocada para este domingo, 4 de febreiro, unha manifestación en Compostela en defensa do sistema galego de saúde. O voceiro da plataforma social, o médico Manuel Martín, explica a Nos Diario os obxectivos da mobilización e analiza a situación actual da sanidade.

—Cales son os obxectivos da manifestación que convocan para este domingo?
O obxectivo da manifestación e pór a situación da sanidade pública no centro da axenda social e política. Se queremos cambiar a política sanitaria da Xunta da Galiza a xente tense que dar conta de que é necesario presionar a Administración, e se o actual Goberno galego non quere mudar a política sanitaria haberá que cambialo.

SOS Sanidade Publica considera que non estamos condenados a soportar esta situación e por conseguinte pode reverterse con outras políticas e outros Gobernos. Se non cambiamos a Xunta da Galiza temos un problema sanitario serio.

—As queixas polo funcionamento da Atención Primaria déixanse notar en toda a Galiza, como explica este deterioro do primeiro nivel asistencial e que alternativas considera urxentes para reverter a situación?
A situación da Atención Primaria é o resultado lóxico das políticas de recortes aplicadas desde o ano 2009. Recortes moi evidentes en recursos asistenciais, onde aproveitaron o avellentamento do persoal médico, para non cubrir as vacantes dos profesionais que se xubilaron.

As medidas da Xunta da Galiza desde a pandemia estiveron dirixidas a dificultar o acceso aos centros de saúde e así atopámonos con esperas de un mes para unha consulta coa médica ou médico de cabeceira, perdendo a Atención Primaria todas as características de proximidade e accesibilidade e asistencia urxente. O obxectivo da Xunta é deixarnos sen pediatras de Atención Primaria, se isto non cambia en breve non haberá pediatras nos centros de saúde.

—A Consellaría de Sanidade recoñece que máis de 47.000 persoas agardan por unha cirurxía na Galiza, ás que hai que sumar aquelas que fan parte das listas de agarda non estruturais, con tempos de espera de máis de un ano, cre que pode permitirse isto unha sociedade?
Non podemos permitirnos un modelo sanitario onde a vida ou a morte dunha persoa dependa da súa carteira. Cómpre dotar de máis fondos o sistema sanitario público para pór os hospitais a funcionar a pleno rendemento.

—Un dos argumentos empregados polo Goberno galego para xustificar o deterioro do sistema sanitario é a falta de persoal médico, a que se debe esa carencia de profesionais na Galiza e como se pode solucionar esa situación?
Hai que pór en marcha con urxencia medidas para recuperar o persoal médico que marchou a outros territorios, mellorando as condicións laborais do persoal para rematar coa emigración de profesionais.

A maiores, é necesario aumentar as prazas de formación en Medicina e Enfermaría e modificar o modelo que leva a que toda a demanda asistencial dos centros de saúde recaia no persoal médico. Se sabemos, por exemplo, que 30% das consultas dos centros de saúde son de carácter psicolóxico, haberá que contar con psicólogas e psicólogos clínicos.