Manuel Varela Salgado, uroandrólogo: "A educación sexual ten que estar no currículo escolar"

Manuel Varela presidiu a Sociedade Galega de Sexoloxía 17 anos. (Foto: Nós Diario)
Manuel Varela Salgado foi uroandrólogo do Sergas en Montecelo (Pontevedra) até a súa xubilación e presidente da Sociedade Galega de Sexoloxía. O coidado da saúde sexual, nomeadamente masculina pola súa especialidade, foi unha constante que mantén cun estudo sobre coñecemento e hábitos sexuais entre a poboación moza.

—Despois de 12 anos volveron lanzar entre o alumnado do IES A Xunqueira I de Pontevedra unha enquisa sobre coñecemento e hábitos sexuais. Que importancia teñen as conclusións deste estudo?
Grazas a este tipo de iniciativas sabemos da saúde sexual dos nosos adolescentes, da súa iniciación, prácticas e percepcións sexuais. Fixémolo por primeira vez en 2009 e era importante repetir a experiencia. Ampliamos as preguntas e chegamos a 80% do alumando. Logramos información fidedigna e moito máis completa de mozos e mozas de entre 12 e 19 anos.

O que me sorprende e decepciona é que teña tan pouca acollida este asunto. Só catro direccións educativas de 30 centros da contorna asistiron á presentación dos resultados, en xuño, cando é o profesorado quen pasa gran parte do tempo co alumnado.

—A que cre que responde ese desinterese que apunta?
Moitas veces é falta de coñecemento, pero levamos dicindo isto como mínimo 13 anos. O coñecemento adquírese, mais se non hai interese non se vai conseguir nunca. Ademais, segue a ser un tema tabú, ninguén se atreve a falar deste tipo de temas co alumnado, incluídos os pais.

Por último, parece que hai outros asuntos máis importantes, pero forxar unha sociedade con mellores coñecementos sexuais,  onde aínda hai moito descontrol, é fundamental. Paréceme grave mirar para outro lado.

—Fala de descontrol. Como é a saúde sexual da xente moza?
A nivel global non é mala, pero é incompleta. Obsérvase unha serie de carencias que seguen estando no aire porque a mocidade vai buscar información a fontes que non están confrontadas. Acoden a internet, aos amigos, ás redes sociais, á pornografía. A base na que sustentan a súa iniciativa sexual non é segura e moitas veces tampouco é fiábel.

A pornografía dá información, pero é unha información comercial, cómoda e anónima, si, pero vende o que lle interesa, e o máis importante, ten unha actitude machista. A muller está subxugada ao home en case toda a pornografía que se oferta.

—Os profesionais da saúde non son un referente para a poboación adolescente?
Apenas hai consultas sobre sexualidade, ben porque non se atreven ben porque non atopan as canles para acceder a elas . E os centros de orientación familiar non traballan pensando na xente moza, partidaria de horarios e condicións propias que agora mesmo non son unha prioridade.

—A quen lle corresponde entón esta tarefa?
Levamos moitos anos pedindo que se inclúa no currículo escolar a materia de educación sexual. Por aí é por onde hai que empezar. O alumnado adolescente tería acceso a información contrastada e adecuada ao seu nivel. Non se lle vai explicar o mesmo a unha persoa de 17 anos que a unha de 12. Pero non hai maneira de que as autoridades educativas inclúan esta materia no currículo. O achegamento do profesorado ao alumnado tamén debera ser maior, ao igual que se debera ampliar a relación dos pais e nais cos fillos e fillas, xa que é practicamente nula. 

—Por que é importante traballar en educación sexual?
É importante porque se ven embarazos non desexados, relacións sexuais sen protección, infeccións de transmisión sexual. Neste estudo que vimos de presentar saíu un 11% de abusos sexuais, en adolescentes. É algo moi serio que conecta coa violencia machista. Se se dá tanta violencia en parellas adultas é porque a educación sexual non existiu. Non se educou ben para respectar e consentir. 

Educar xuntas para educar mellor

"A saúde sexual é un dereito recoñecido pola OMS desde o ano 1974 e iso obriga os Gobernos a pór os medios suficientes para acceder a ela, de forma contrastada e profesional", afirma Manuel Varela, que defende enquisas como a que codirixiu en 2021, por segunda vez despois dunha década, no IES A Xunqueira I. Chama a reparar nas conclusións e a iniciar unha reflexión que debera ser compartida e máis activa por parte da comunidade educativa, a sociedade e as profesionais da saúde.

Eles e elas comezan cada vez antes a ter as primeiras relacións, tamén coitais. "Con 14 anos teñen moi pouca información, pouco axustada", que convén traballar. O estudo revela que 3,5% do alumnado recorreu algunha vez á prostitución e 8,1%, sobre todo elas, mantivo a súa primeira relación sexual sen consentimento. "Son dous resultados moi serios que cómpre cuestionar".