Alto seguimento do segundo día de paro: 80%

Continúa a folga na CRTVG ao finalizar sen acordo a reunión coa dirección

Imaxe: Cedida

A segunda xornada de paros mantén o alto seguimento entre o persoal (80%) e volve alterar a programación habitual ao non emitirse o magazine ‘A Revista’, que tivo que ser substituído por contido 'enlatado'.

Continuará a folga na televisión e radio pública. A xuntanza realizada a primeira hora da mañá desta quinta feira, segunda xornada de paro, entre o comité de greve e a empresa finalizou sen acordo. “A dirección pedíanos que desconvocásemos a folga e en cambio eles a partir de decembro convocarían diferentes mesas sectoriais para abordar as nosas demandas”, explican a Sermos Galiza desde o comité, afirmando que á marxe desas cuestións a negociar ficaría o debate das externalizacións e produción propia.

 

O comité non aceptou esa oferta, defende que a negociación non debe adiarse e que a mesa que mantén este órgano coa empresa é acaída para ese diálogo. A greve continúa: 24, 26, 28 e 30 deste mes, e tamén o 2 de decembro, a folga vaise materializar en paros de 2 horas por quenda, afectando todas as quendas.

 

Xa en decembro, a protesta ampliarase á folga de 24 horas, que será convocada a cuarta feira 19 de decembro, xornada na que se realizará unha manifestación cuxo percorrido e horario está aínda por determinar. O sábado desa mesma semana, 22 de decembro, día da lotería estatal, as traballadoras que prestan servizos na quenda de fin de semana tamén estarán convocadas a parar (na proporcionalidade horaria dunha xornada de greve de 24 horas que lle corresponde a esta quenda especial).

 

Na primeira xornada de paros o seguimento fora de 80%, acadando 100% nalgunhas delegacións. Nesta segunda xornada —quinta feira— a folga mantén o alto nivel de apoio do persoal, 80% e foi outra vez de 100% nalgunhas delegacións. Desde o comité intercentros salientan a importancia desta implicación e de que a sociedade visibilice os motivos desta greve. “O persoal está concienciado”, salientan, e indican que ao paro sumáronse “caras novas”.

 

Ao igual que na terza feira, o paro provocou que non puidese emitirse o magazine  ‘A Revista’, que foi substituído por ‘O caderno de Isabel’, da produtora Pórtico. Na emisión, un rótulo informaba de que a programación da TVG se vira alterada polos paros.

 

A táboa de reivindicacións e motivos desta folga abranxe diferentes cuestións. “A agresión aos medios públicos é moi grande e toca moitos paus”, afirma Raquel Lema, do comité de greve. Así, hai demandas centradas na recuperación da produción propia interna e na supresión da externalización da produción e servizos. Outras das reivindicacións afondan máis no laboral, como as que atinxen a garantía de mantemento do emprego, a fin da utilización “fraudulenta” de bolseiras ou a negociación do cadro de persoal e mantimento do emprego.

 

A defensa da CRTVG como medio público e independente tamén é unha das demandas destes paros. Destarte, o persoal exixe a “fin da política represiva” ou a fin da “manipulación informativa”, ao tempo que se reclama a creación do consello de informativos e o estatuto profesional contemplados na Lei 9/ 2011.