“Sobran motivos para secundala”: comeza a greve na televisión e radio pública galega

Esta terza feira é a primeira das sete xornadas de paros parciais apoiados en asemblea polas traballadoras e traballadores da CRTVG e que terán continuidade con folgas de 24 horas os días 19 e 22 de decembro. O comité intercentros impugnará os servizos mínimos por abusivos.

 

“Hai tantos motivos para ir a esta greve que é difícil atopar unha razón para non secundala, sobran os motivos para ir”. Esta afirmación dunha das integrantes do comité de greve da CRTVG, en conversa con Sermos Galiza, expresa o convencemento na necesidade dos paros convocados nos medios públicos galegos. Estas accións reivindicativas das e dos traballadores arrancan esta terza feira e son a prolongación de meses de mobilizacións e protestos que se concretizaron en manifestacións ou nas accións dos ‘venres negros’.

 

A greve comeza sen acordo sobre os servizos mínimos. Nas dúas xuntanzas entre comité e empresa non houbo acordo. Os servizos mínimos van ser impugnados, anuncian desde o comité intercentros, pois considéranos abusivos e que vulneran o dereito á folga. A empresa xa sabe o que é ser condenada por feitos similares: o TSXG anulara o Decreto de servizos mínimos ditados pola Xunta para a xornada de greve de Mulleres convocada o pasado 8 de Marzo.

 

Durante os días 20, 22, 24, 26, 28 e 30 deste mes, e tamén o 2 de decembro, a greve vaise materializar en paros de 2 horas por quenda, afectando todas as quendas. Xa en decembro, a protesta ampliarase á folga de 24 horas, que será convocada a cuarta feira 19 de decembro, xornada na que se realizará unha manifestación cuxo percorrido e horario está aínda por determinar. O sábado desa mesma semana, 22 de decembro, día da lotería estatal, as traballadoras que prestan servizos na quenda de fin de semana tamén estarán convocadas a parar (na proporcionalidade horaria dunha xornada de greve de 24 horas que lle corresponde a esta quenda especial).

 

Puntos

 

A táboa de reivindicacións e motivos desta greve toca diferentes cuestións. “A agresións aos medios públicos é moi grande e toca moitos paus”, afirma Raquel Lema, do comité de greve.

 

Así, hai demandas centradas na recuperación da produción propia interna e na supresión da externalización da produción e servizos. Outras das reivindicacións afondan máis no laboral, como as que atinxen a garantía de mantemento do emprego, a fin da utilización “fraudulenta” de bolseiras ou a negociación do cadro de persoal e mantimento do emprego. A defensa da CRTV como medio público e independente tamén é unha das demandas destes paros. Destarte, o persoal exixe a “fin da política represiva” ou a fin da “manipulación informativa”, ao tempo que se reclama a creación do consello de informativos e o estatuto profesional contemplados na Lei 9/ 2011.

 

“É importante manter a unidade dos sindicatos, as cinco centrais estamos xuntas nisto e iso dános moita forza”, recoñecen desde o comité de greve.

 

Intercentros

 

O comité Intercentros da CRTVG chama a todo o persoal dos medios públicos de Galiza a participar nos paros. O comité considera que foi a dirección actual quen forzou esta convocatoria ao adoptar sucesivas actuacións "que evidencian unha intención de desmantelamento do servizo público de medios de comunicación".