"Manipular e censurar": Críticas á TVG pola cobertura da manifestación deste domingo contra a celulosa de Altri

Paula Prado, este 14 de decembro. (Foto: Nós Diario)
Denuncian que a canle pública minimizou a mobilización, excluíu as voces convocantes e deu protagonismo a versións alleas á protesta da veciñanza.

A cobertura realizada pola Televisión da Galiza (TVG) da manifestación deste domingo en Santiago de Compostela contra o proxecto industrial de Altri xerou unha vaga de críticas nas redes sociais, acusando o medio público de minimizar a mobilización e desvirtuar o seu significado político e social.

Milleiros de persoas saíron este domingo ás rúas da capital galega para expresar de maneira clara o seu rexeitamento ao proxecto baixo o lema #AltriNon, mais, segundo denunciou a conta 'TVG censura', a TVG relegou a protesta a un plano secundario nos seus informativos. A mobilización foi presentada, critican, "como unha peza máis, sen contexto nin relevancia acorde coa dimensión da convocatoria", e situada entre contidos alleos ao motivo da protesta.

Así, na cobertura que fixo o Telexornal Serán non se incluíron declaracións directas das entidades convocantes, Ulloa Viva e Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA). Pola contra, recolléronse referencias a un comunicado da empresa promotora, Altri, fragmentos seleccionados "con lupa" e espazos dedicados a introducir polémicas externas que, segundo os denunciantes, nada tiñan que ver co obxecto da mobilización.

Desde 'TVG censura' tamén se cuestiona que, inmediatamente despois da información sobre a protesta, a TVG ofrecera declaracións da secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, á que si se lle concedeu voz propia, reforzando a percepción dun tratamento informativo desigual.

As denuncias subliñan que non se trata dun erro puntual nin dunha cuestión de criterio xornalístico, senón dun modelo recorrente de cobertura que "dilúe o esencial" e resta centralidade a feitos "claramente noticiábeis", "desfigurando o sentido dunha protesta cidadá lexítima".

"Un medio público debería explicar o que pasa, non agochalo nin desprazalo do centro do relato", afirman, lembrando que informar implica tamén decidir que é relevante. Ao seu xuízo, a cobertura da manifestación contra Altri constitúe un novo exemplo de "manipulación e censura" por parte da televisión pública galega.