Colectivos ecoloxistas asinan un manifesto de políticas alternativas en relación co lobo

Manada de lobos. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Un total de 46 asociacións defenden políticas alternativas en relación con esta especie dada a negativa da Xunta a aceptar que estea protexida.

Asociacións ecoloxistas e en defensa da biodiversidade fan un chamamento a todas as administracións, sindicatos de gandeiros e sociedade en xeral a “aproveitar a oportunidade de buscar un marco novo de relación co lobo”. 

O pasado 4 de febreiro a Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e da Biodiversidade aprobaba a incorporación dos lobos na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial

Este ditame "manifesta o consenso da comunidade científica sobre a necesidade de buscar un novo marco de relación coa especie. A xestión desenvolvida até o de agora non solucionou os conflitos que a presenza da especie xera nin garante a súa conservación", explican as asociacións a través dun comunicado aos medios.

Un total de 46 entidades emitiron un comunicado no que expón alternativas ás políticas feitas até o de agora. 

En primeiro lugar, destacan que neste novo escenario “non cabe unha xestión cinexética ou sistema de ‘cotas’ que supoñan a morte indiscriminada de exemplares”, mais pódese permitir de modo “público, motivado e baixo especificacións e circunstancias concretas”, a captura ou morte de exemplares.

Para alén do máis, “a xestión dos danos que o lobo ocasiona sobre a cabana gandeira debe basearse en que as explotacións poidan dotarse dos medios e técnicas que lles permitan adaptarse á presenza de lobos no seu territorio”. Para a agrupación, “a axuda por parte da Administración á adquisición de mastíns, cercados de recollida e garda e a adopción de novas tecnoloxías de seguimento do gando, entre outras” deben ser a pedra angular da xestión dos danos. 

Por outra banda, consideran que “é necesario compor un novo sistema de compensación de danos”. “O procedemento actual non é capaz de evitar usos fraudulentos e facer unha adecuada avaliación do prexuízo ocasionado en caso de ataque dos lobos a unha explotación”, apuntan no documento. 

“Desde o punto macroeconómico os danos provocados pola especie, aínda considerando as carencias sinaladas, non son relevantes e poden ser asumidas polo conxunto da sociedade; poden ser moi notábeis e críticos para explotacións particulares”, sinalan as 46 asociacións.