O Manifesto de Soutomaior pola igualdade entre homes e mulleres suma 31 novas incorporacións

Encontro de creadoras galegas no Salón Noble do Castelo de Soutomaior. (Foto: Nós Diario)
A Deputación de Pontevedra participou nun encontro con creadoras galegas no Castelo de Soutomaior.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da incorporación de 31 novos organismos e institucións ao Manifesto de Soutomaior, un acordo que promove a igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade, aínda que especialmente centrado no mundo cultural.

Silva, que participou nun encontro con creadoras galegas no Salón Noble do Castelo de Soutomaior vaticinou que o número de incorporacións "seguirá a aumentar".

Entre as institucións que se incorporan ao Manifesto de Soutomaior, enuméranse os reitorados das universidades de Vigo e a Coruña e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

En canto a organismos públicos, destacan as deputacións de Lugo, Ourense e A Coruña, e varios concellos do conxunto da Galiza.

Encontro con creadoras galegas

A socialista estivo acompañada da impulsora do Manifesto de Soutomaior e escritora, Isabel Blanco, e de varias das creadoras que asinaron o acordo:Fátima Anllo, Silvia Penas, Eudurne Baines, Silvia Cernadas, Arantza Portabalaes, Mercedes Corbillón e Mariana Carballal, entre outras.

Blanco detallou algunhas das propostas que se levarán adiante con motivo do Manifesto. A Deputación de Pontevedra creará un observatorio para definir a regulación, funcións, composición e metodoloxía de traballo.

Este observatorio tamén se encargará de remitir á administración competente en educación e ás diferentes editoriais de libros de texto unha proposta para incluír a autoras galegas nos plans de estudo.

A maiores, no acto tamén se redactou unha proposta para avanzar na promoción de candidaturas femininas para o Día das Letras Galegas, ademais de que máis mulleres ocupen cadeiras na Real Academia Galega (RAG).