Manifesto de 15 sindicatos nacionalistas e de clase en solidariedade coa autodeterminación de Catalunya

Centrais como as galegas CIG e CUT ou as vascas ELA e LAB apoian o documento, dado a coñecer ás portas da Diada, e no que se denuncia a “represión”do Estado español e pídese “respecto” para a “vontade do pobo catalán”.

 

Un manifesto apoiado por 15 centrais sindicais defende, ás portas dunha nova Diada, o dereito á autodeterminación de Catalunya  ao tempo que aponta a que o “conflito político aberto” co Estado español só pode resolverse dando a voz ao pobo catalán para que poida decidir “libremente o seu futuro político”.

 

Estamparon a súa asinatura no manifesto as galegas CIG e CUT, así como ELA, LAB, Intersindical Valenciana, Intersindical Canaria, CSC, IAC, o SAT andaluz, Colectivo Unitario de Trabajadores, ESK, CSI, a Coordinadora Obrera Sindical catalá, STEILAS e STEI.

 

“Como sindicatos somos conscientes de que a loita da clase traballadora de Catalunya polas liberdades é unha loita central para romper coa monarquía e os restos de franquismo que non foron eliminados durante a transición”, indican no documento.

 

Ademais, critican a vaga represiva do Estado Español contra diferentes sectores do movemento para a autodeterminación de Catalunya, e que ten a súa máxima expresión nos presos políticos e exiliados. “En ningún caso pode ser a vía da prohibición, a represión ou a xudicialización a resposta que dea o Goberno do Estado Español aos desexos de liberdade do pobo catalán”, conclúen.