Os manifestantes xulgados en Compostela denuncian "discriminación" na actuación policial

[Imaxe CIG]

Renato Núñez afirmou na súa comparecencia xudicial que os "axentes sen identificación impedían ás persoas que falaban galego ou portaban simboloxía nacionalista" acceder á Praza do Obradoiro.

 

Perto dun cento de persoas concentráronse esta cuarta feira (8 de outubro) ás portas dos Xulgados de Fontiñas (Compostela) para amosaren a súa solidariedade coas dúas persoas xulgadas por un suposto delito de "resistencia e grave desobediencia á autoridade". Os feitos aconteceron o 8 de agosto na toma de posesión do novo alcalde compostelán, Agustín Hernández, e a súa equipa de goberno. 

Na súa declaración xudicial, un dos acusados, o secretario comarcal da CIG-Compostela, Renato Núñez, denunciou como "uns axentes sen identificación impedían ás persoas que falaban galego ou portaban simboloxía nacionalista" acceder aos espazos da Praza do Obradoiro que se atopaban fóra do valado policial. Embora, lembrou o sindicalista, turistas e demais veciñanza compostelá podían camiñar sen restricións polos arredores do Pazo de Raxoi. 

Un feito, asegurou Núñez que provocou a súa "indignación" e evidenciou unha "discriminación pola nosa lingua e por condicionantes ideolóxicos" cos que, dixo, @s axentes quixeron disfrazar a "represión" acusando a ambos os dous manifestantes de amosar unha actitude violenta. 

O sindicalista lembrou asemade que continúa adiante a denuncia interposta pola actuación policial na que sufriu lesións e mesmo recibiu unha labazada por parte do inspector xefe da policía autonómica. 

Após tomarlles declaración xudicial fica pendente que a xustiza determine se haberá ou non xuízo e, de ser así, en que data.