Unha concentración solidaria acompañará nos xulgados os dous detidos na investidura de Agustín Hernández

Imaxe da detención Renato Núñez [BNG]

Renato Núñez e Manuel Dacal prestarán declaración en calidade de imputados por un delito de "resistencia e grave desobediencia". VÍDEO NO INTERIOR.

 

Os feitos aconteceron o 8 de agosto de 2014 coincidindo coa toma de posesión de Agustín Hernández como novo alcalde de Compostela. Perante o Pazo de Raxoi concentrábanse máis dun cento de persoas para amosar o seu rexeitamento á investidura do que é o terceiro rexedor na capital galega nesta lexislatura. Mais tamén, dunha maioría de edís non eleit@s. 

Un forte cordón policial impedía @s manifestantes achegárense á Casa do Concello e mesmo camiñar pola Praza do Obradoiro, algo que si podían facer @s turistas e demais veciñanza compostelá. Pouco despois de dar comezo a sesión algúns dos participantes decidiron marchar, momento en que @s axentes da policía española os placaron e os arrastraron até os soportais de Raxoi para proceder á súa detención. 

Esta cuarta feira, 8 de outubro, dous deles, Renato Núñez e Manuel Dacal, comparecerán nos Xulgados de Fontiñas (Compostela) en calidade de imputados por un suposto delito de "resistencia e grave desobediencia á autoridade" por teren sobrepasado as barandas que impedían o seu tránsito pola praza e, segundo o atestado policial, por desouvir as chamadas de atención d@s axentes. 

Restrición das liberdades

Porén, para Manuel Dacal, a súa detención --xunto coa de Núñez-- e o proceso xudicial aberto, fai parte do "grande retroceso" que, di, "estamos a vivir a respeito das liberdades das que gozabamos neste país".

"Estamos a vivir un grande retroceso das liberdades das que gozabamos neste país"

En conversa con Sermos Galiza, Dacal afirma que "a sensación" que lle produce é unha volta ao franquismo "cando se dicía que tres eran multitude e podían supor unha ameaza para a orde pública franquista". Esa é, para el, a única xustificación a que no protesto "se restrinxise a nosa capacidade de movemento limitándonos a un espazo reducido e franqueado por un valado", explica. 

Esta cuarta feira, convocouse unha concentración ás portas dos Xulgados (10:30h) en solidariedade cos imputados. Coincidindo coa súa declaración xudicial amizades e compañeir@s das organizacións das que fan parte --CIG e FRUGA-- lanzan un chamamento a secundar a mobilización "porque ese día foron eles as vítimas do acoso policial e das formas antidemocráticas destes gobernos, pero outro día, noutra ocasión, podemos ser calquera de nós", apuntan no evento partillado através da rede social Facebook. 

Do decorrer xudicial, Dacal asegura que agardan "calquera cousa" pois, embora "non termos feito nada para merecer ningún castigo, tal e como se está a pronunciar a xustiza a respeito dos protestos, están caendo todo tipo de sancións".