Galiza pola República

Maniféstanse na Coruña no 50 aniversario da designación do herdeiro de Franco

Mobilización Galiza pola República e o dereito a decidir

No día en que se fan 50 anos do nomeamento polo ditador Francisco Franco de Juan Carlos de Borbón como o seu sucesor á fronte da xefatura do Estado, a veciñanza da Coruña saíu á rúa ao berro de Galiza pola República e o dereito a decidir para denunciar a pervivencia do réxime nas estruturas do Estado.

Aquel “para que todo quede atado e ben atado”, manifestado por Franco no seu discurso realizando en xullo de 1969 ante as Cortes foi denunciado na tarde deste 23 de xullo, mais de 2019, na Coruña. Así, 50 anos após a designación de Juan Carlos de Borbón como sucesor na xefatura do Estado por parte do ditador, a veciñanza da Coruña quixo lembrar e denunciar as orixes do actual Rei de España e do monarca “emérito”.

O comunicado feito público polas entidades convocantes denunciou precisamente esa pervivencia do franquismo sen Franco e baixo o lema ‘Galiza pola República e o dereito a decidir” chamou á mobilización e ao non esquecemento.

O comunicado feito público polas entidades convocantes denunciou a pervivencia do franquismo sen Franco

A manifestación decorreu no Cantón Grande da Coruña desde as 19 horas e estivo convocada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a Asociación Cultural O Facho, o Centro Social Gomes Gaioso, Anova, Bloque Nacionalista Galego, Corrente Vermella, Podemos, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca e a Confederación Intersindical Galega.

Na lectura do manifesto fíxose mención a extractos dun documento divulgativo que as organizacións convocantes editaron para difundir a mobilización. Nela, realizouse unha radiografía do contexto histórico e sociopolítico en que Juan Carlos de Borbón resultou designado coma sucesor de Francisco Franco á fronte dunha xefatura de Estado gañada nunha cruenta guerra contra a democracia.

O manifesto ao que se deu lectura lembrou ademais que durante os 39 anos de reinado de Juan Carlos, este nunca chegou condenar a ditadura franquista nin os seus crimes, mais ben todo o contrario, realizando declaracións públicas en que lexitimaba a ditadura, aludindo por exemplo á “lexitimidade política xurdida o 18 de xullo de 1936”, e manifestaba “respecto e gratitude ao Generalísimo Franco”, rendía “homenaxe á súa memoria”, falaba do “patriotismo” e “cualidades humanas” do ditador, a quen cualificaba como “figura excepcional”, “gran figura da nosa historia”, “exemplo único de amor a España”.

A manifestación tamén denunciou a continuidade en mans da familia Franco dun gran patrimonio espoliado ao pobo, como é o Pazo de Meirás ou a Casa Cornide da Coruña.