Multitudinaria manifestación en Marín contra os recortes no sistema sanitario

Concentración en defensa dunha "atención sanitaria digna", este domingo, en Marín. (Foto: Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo)
Centos de persoas volven marchar polas rúas da vila para reivindicar "unha atención digna" en Marín e Seixo.

Centos de persoas marcharon este domingo polas rúas de Marín convocadas pola Plataforma na Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa máis dunha vintema de colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello marinense.

A manifestación partiu ás 12 horas do centro de saúde de Marín, a fin de reclamar "unha atención digna e contra os recortes" nas urxencias e nos centros de saúde desta vila e da parroquia de Seixo.

Mais non é a primeira vez que a veciñanza marinense sae ás rúas nas últimas datas por mor das eivas que denuncian na atención sanitaria.

O pasado mes, e en xaneiro, decorreron outras mobilizacións, e uns meses atrás unha cadea humana arrodeou o centro de saúde de Seixo.

Neste punto de atención sanitaria un só profesional médico ten que atender até 2.000 persoas polas baixas sen cubrir, denuncia a plataforma.

A entidade salienta que "se segue sen cubrirse o persoal, seguirá o aumento de tempos de agarda para unha cita en medicina de familia e as demoras en especialistas".

Aliás, engaden, "sen persoal é difícil que se atendan e diagnostiquen as doenzas, e en saúde as diagnoses a tempo son todo", enfatizan.