Medio Ambiente

Nova mobilización contra San Finx: "Non entendemos como a Xunta está en contra das vilas mariñeiras"

Nova manifestación contra a mina de San Finx en Lousame. (Foto: Europa Press)
Unha nova manifestación contra a explotación mineira e as súas verteduras á ría de Muros e Noia, da que dependen economicamente "miles de familias", exixe á Administración galega que tome medidas para "non pór en risco" o seu futuro.

Varios centos de persoas, unhas 300 segundo os organizadores, mobilizáronse este sábado na propia mina de San Finx, en Lousame (comarca de Noia), en defensa da ría de Muros e Noia e "contra as verteduras que ameazan o sector do mar polo seu impacto catastrófico". Demandan, baixo o lema "non á mina, si á ría", medidas urxentes á Xunta para protexer os ricos bancos marisqueiros da zona.

"Mostramos unha vez máis nosa oposición absoluta a que se poña en risco o futuro da ría e dos miles de empregos que xera; non imos deixar que as verteduras saian adiante", afirmou o portavoz da Plataforma de afectados pola mina de San Finx, Joám Evans. Pola súa parte, o patrón maior da Confraría de Noia, Santiago Cruz, agradeceu o compromiso de todas as persoas que acudiron á concentración deste sábado e instou a Xunta a que "mude as súas políticas ambientais, porque son un fracaso, pois os ríos e as rías están a morrer aos poucos".

"Non entendemos como a Xunta está en contra das vilas mariñeiras e permite este dano ambiental irreparábel", salientou o patrón maior de Noia, mentres que o de Portosín, Isaac Gaciño, incidiu na firme oposición a "non permitir ningún tipo de toxicidade na ría". "Son moitos postos de traballo, moitas familias as que viven dela e a loita non para aquí. Son 40.000 postos de traballo directos e indirectos os que están en xogo e non podemos permitir que a calidade dos nosos produtos sexa contaminada", subliñou.

Aliás, o viceportavoz da plataforma de afectados, Rogelio Santos Queiruga, reflexionou sobre a "importancia de coidar as nosas rías se despois queremos unha boa alimentación para a sociedade". A plataforma comarcal contra as verteduras, encabezada polas confrarías de pescadores, demanda á Xunta que "revogue a autorización concedida" á mineira australiana a comezos de ano, logo de que, aliás, "incumprise o condicionante de ter rematadas as obras en catro meses".

A protesta incluíu un enterro simbólico de produtos da ría da man da compañía de teatro Os Quinquilláns, un concerto do grupo musical Barahúnda e unha degustación de produtos da ría ofrecida pola Confraría de Noia, que avisa de que "podería ser a última se se permite que as verteduras de San Finx acaben por realizarse".

As verteduras, 'taponadas' por ecoloxistas

Esta mesma quinta feira un grupo de activistas de Ecoloxistas en Acción accedeu ao recinto mineiro e taponou simbolicamente unha das tubaxes polas que a epxlotación "verte de forma constante augas contaminadas con altas concentracións de cadmio, cobre e zinc". Unha ducia de persoas, ataviadas con roupa anticontaminación, accedeu ás instalacións de San Finx portando pancartas nas que se podía ler "Perigo, zona tóxica: a mina contamina" ou "Non á autorización de vertidos, a ría é a nosa mina".

Xa no interior, colocaron unha gran cortiza na tubaxe da balsa de decantación final, unha balsa, precisaron, "que foi construída ilegalmente sobre o leito do río, e á que van parar tanto os achiques de mina procedentes, por gravidade, do interior da mina, como as augas en contacto cos vertedoiros de residuos".