Centos de persoas exixen un ensino "inclusivo" na Galiza
Centos de persoas manifestáronse este sábado, 28 de febreiro, polas rúas de Compostela en defensa dun sistema educativo "inclusivo e de calidade" e para demandar medidas que permitan atender "a cada vez maior" diversidade que existe nas aulas galegas. "A diversidade é unha prioridade", clamaron. Convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e precedidos por dúas persoas disfrazadas de "cabezudos" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, os manifestantes partiron da Alameda compostelá sobre as 12.00 horas e remataron o seu percorrido na praza de Praterías.
Entre berros de 'A diversidade é unha prioridade'; 'Non nos fai graza tanta burocracia'; 'Ensino público e de calidade'; 'A loita é ou único camiño' e 'A Xunta da Galiza recorta e privatiza', denunciaron unha situación caracterizada por "palabras baleiras e promesas incompletas". En declaracións aos medios antes de iniciar a marcha, a secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, instou ao Goberno galego a implementar políticas que "aposten polo ensino público e que atendan a todos os nenos e nenas: aos nenos con necesidades educativas especiais, aos que teñen necesidades de apoio educativo e aos nenos e nenas en xeral".
"O que estamos a ver durante os últimos anos é un déficit no que ten que ver coa atención á diversidade, e o sistema educativo galego cambiou moitísimo, non ten nada que ver o alumnado que había na Galiza no 2007, por exemplo, cando se asina ese acordo de catálogos que dotan os centros educativos", aseverou Arroxo.
Ensino igualitario
Pola súa banda, a presidenta da Confederación Anpas Galegas, Isabel Calvete, insistiu en que "non se pode permitir que ningún neno e ningunha nena quede atrás porque non hai recursos suficientes ou porque hai unha mala xestión de recursos".
"Se o que queremos é un ensino igualitario, se queremos que todos os nenos sexan iguais, hai que loitar e hai que esixir á Consellaría que dote deses recursos que son necesarios para todos", subliñou Calvete.
Na manifestación tamén estiveron presentes os grupos políticos do BNG e do PSdeG. Desde a formación nacionalista, destacaron o seu compromiso "coa educación pública" e que "loitan para educar". Destacaron que o "PP é un perigo para a educación pública" e exixiron melloras nas infraestruturas e baixadas de ratios. Unhas reclamacións que veñen facendo desde hai tempo.
Pola súa banda, o deputado socialista, Aitor Bouza, dirixiuse ao presidente da Xunta da Galzia para pedirlle que "atenda todas esas reclamacións que se están facendo dende as ANPAS galegas" e que garanta que o alumnado con necesidades educativas "poida ter unha educación de calidade en igualdade real e efectiva". "O que pedimos hoxe é compromiso con estes alumnos e alumnas. Non son porcentaxes nin números, son persoas", sinalou. E engadiu: "Unha inclusión sen medios suficientes é un absoluto fraude".
Bouza insistiu en que non poden repetirse os recortes nin a falta de profesorado para necesidades educativas que tanto dano están facendo, e reclamou máis persoal e mellor dotación nos centros para que a inclusión sexa "algo real".
Reclamacións na Coruña por parte das ANPAS
Ao mesmo tempo, na Coruña a Federación Provincial de Anpas de Centros Públicos de A Coruña convocou unha manifestación tamén para a "defensa dun ensino público digno e de calidade". A mobilización, que partiu ás 11.00 horas da Praza de Ourense e finalizou no Parrote, reuniu a familias, alumnado e profesorado chegados de distintos puntos da provincia nunha xornada reivindicativa marcada pola defensa dun ensino público "inclusivo, seguro e equitativo". Na concentración estiveron presentes Avia Veira, Mercedes Queixas, Jorquera e David Soto por parte do BNG.