Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, desenvolveu ao longo desta semana unha campaña contra estes festexos

A manifestación antitaurina regresa este sábado a Pontevedra

Faixa antitaurina colocada por Galiza Nova nun touro de Osborne.

A manifestación antitaurina regresa este sábado, convocada pola plataforma Touradas Fóra de Pontevedra, coincidindo co primeiro día da Feira da Peregrina.

 

A plataforma Touradas Fóra de Pontevedra convocou para este sábado 13, a partir das 20 horas, unha manifestación para protestar contra as corridas de touros na praza de San Roque que acollerá hoxe o primeiro dos festexos da Feira da Peregrina.

O colectivo fai un chamamento a toda a cidadanía galega para que secunden a protesta, que partirá e rematará na praza da Peregrina e incluirá a lectura dun manifesto.

"Queremos que toda a cidadanía antitaurina de Pontevedra veña con nós á manifestación", declarou a portavoz da asociación, Vicky Estévez. Remarcan desde o colectivo que "nestes dous anos de pandemia a cidadanía botaba de menos os concertos, os festivais e as festas, pero ninguén botou de menos as touradas. A cidadanía pontevedresa é claramente antitaurina".

Aínda que se seguen celebrando corridas en Pontevedra, desde o colectivo antitaurino celebran que ano tras ano o seguemento e apoio público a estes espectáculos mingua. "A maior parte da cidadanía móstrase contraria as touradas, a Deputación cortou coas axudas directas e indirectas e tamén o convenio asinado polo Concello coa praza de touros foise reducindo en cuestión de cartos co paso dos anos", declaran, ao tempo que arremeten contra a lei de Benestar Animal da Xunta. "Se hai touros en Pontevedra é porque a Xunta saca as touradas da lei de Benestar Animal. Se non se cambia esa lei non podemos dicir adeus as touradas e dedicar o coso de San Roque a outros fins culturais para toda a cidadanía", conclúen.

 

 

Campaña de Galiza Nova

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, desenvolveu ao longo desta semana unha campaña contra as touradas para denunciar que este acto de tortura animal se siga levando a cabo na cidade de Pontevedra.

Diversas accións nas rúas que culminaron onte en Soutomaior, onde penduraron unha faixa xigante do Touro de Osborne co lema “Touradas nunca máis”.

Con esta iniciativa, queren concienciar a mocidade e animala a mobilizarse este sábado 13 na manifestación que sairá ás 20:00h dende a Peregrina.