A tauromaquia e a lingua no ensino centran o pleno no Congreso

A adicción ás redes sociais tamén se debateu.
Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)
photo_camera O pleno debateu diversas temáticas ao longo da tarde desta terza feira. (Foto: Congreso)

Esta terza feira, 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, tivo lugar no Congreso unha sesión plenaria en que se debateron diversos temas. Entre eles, unha Proposición Non de Lei (PNL) impulsada polo Grupo Socialista que advirte sobre a adicción ás redes sociais e os seus efectos laborais e académicos. O texto insta o Goberno español a fomentar accións de información e sensibilización acerca do uso seguro da internet, "advertindo sobre os seus posíbeis efectos nocivos, a través de diferentes medios".

"Tanto no plano laboral como no plano educativo, un uso excesivo das redes sociais ten consecuencias negativas para as persoas. O exceso de horas dedicadas ás redes sociais ten efectos sobre a forma en que o alumnado recibe a información", acrecenta a PNL. 

"Defender a tauromaquia"

Pola súa parte, o Grupo Popular no Congreso rexistrou unha Proposición Non de Lei pola que insta o Goberno estatal a incluír a tauromaquia entre as manifestacións culturais ás que a mocidade poida ter acceso dentro do bono cultural, "respectando deste modo a lexislación vixente".

No escrito, os populares aseguran que a exclusión dos touros no bono cultural "incumpre a lexislación estatal e autonómica de protección da tauromaquia", engadindo ademais que se trata dunha decisión "arbitraria" do Ministerio de Cultura. "A exclusión da tauromaquia do bono cultural supón un agravio, especialmente por tratarse dun público xuvenil, para esta manifestación cultural que ten unha gran tradición e seguimento entre os españois", destacan desde o grupo do Partido Popular.

"Garantir a presenza do castelán no ensino"

Tamén no pleno desta terza feira se debateu a proposta do Partido Popular de crear unha nova Alta Inspección Educativa para garantir "a presenza do español en todos os centros educativos do Estado". Esta proposta, que só recibiu os apoios de Vox e Ciudadanos, levantou moita polémica na Cámara Baixa.

Segundo recolle a proposición de lei do PP, unha das competencias do Corpo de inspectores que pretenden implementar sería a de "velar polo cumprimento das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos seus dereitos e deberes en materia de educación, así como dos seus dereitos lingüísticos e, en particular, o de recibir ensino na lingua oficial do Estado".

As deputadas e deputados nacionalistas e soberanistas manifestaron o seu rexeitamento a esta proposta do Partido Popular por considerala "inquisidora". Entre algunhas das críticas atópanse as de Néstor Rego (BNG), que tachou a proposta de "barbarie", Miriam Nogueras (JxCat), que acusou o PP de querer "vender" que "a incultura é boa" ao estar en contra da lingua catalá, e de Montserrat Bassa (ERC), quen puxo de manifesto que o PP presentou esta proposición de lei "para impor o castelán en Catalunya".

A respecto da lei do aborto, o deputado do BNG, Néstor Rego, fixou a posición da organización frontista considerando o proxecto "un avance" mais lamentando que non se vaia rebaixar o IVE aos produtos de hixiene feminina.

Comentarios