Veciñanza de Lugo e Ourense denuncia un 'Prestige interior': "O lume non dá tregua no monte e nós non a daremos na rúa"

Concentración desta terza feira en Lugo. (Foto: Nós Diario)
Moitas persoas responderon á chamada de Adega para protestar contra a "falta de medios" durante a vaga de incendios que está a axexar o país. Esta quinta feira haberá novas concentracións diante de todas as delegacións da Xunta da Galiza nas cidades.

Veciñanza de Lugo e Ourense saíu á rúa esta terza feira, convocada pola asociación ecoloxista Adega, para denunciar a situación que se está a vivir no país por mor dos incendios forestais que, denuncian, están a causar un 'Prestige interior'.

Ante a delegación territorial da Xunta en Ourense, Adega asegurou que a magnitude desta vaga de lumes "supera xa todo o previsto" e supón "unha catástrofe ecolóxica", xa que "se están destruíndo" as serras orientais galegas, áreas de "alto valor ambiental". Así, Adega lamenta a especial afectación ao Parque Natural do Invernadoiro, en Vilariño de Conso, o Parque Natural Serra da Enciña da Lastra e o ZEC do Macizo Central, mais tamén os danos nos concellos de Carballeda de Valdeorras ou Oímbra, onde numerosas persoas tiveron que abandonar as súas vivendas, nalgúns casos calcinadas polas chamas.

En consecuencia, Adega mostrou a súa solidariedade cos veciños afectados e pediu unha comparecencia pública da titular de Medio Ambiente do Goberno galego, Ánxeles Vázquez. "Consideramos lamentábel e inxustificábel que a titular non comparecese aínda para concretar e cuantificar cantas hectáreas de espazos naturais protexidos están a ser arrasados polas chamas", critican os ecoloxistas, que piden, aliás, explicacións das medidas que desde o departamento "deberíanse estar a desenvolver para evitar os efectos dos incendios sobre as emblemáticas xoias naturais".

"Instamos a conselleira a que compareza publicamente para dar conta de cal é a situación actual e para que diga cales eran as medidas que se tomaron para minimizar os efectos do desastre ecolóxico", reclamaron. Baixo berros de 'Lumes nunca máis!', a asociación lamentou que o lume "non dá tregua aos montes galegos" e aseguraron que eles "non a darán nas rúas".

Por iso reivindicaron o esforzo especial dos dispositivos de prevención e extinción nos espazos naturais de maior valor ecolóxico e ambiental da Galiza, "pero non só nos meses de verán", senón "durante todo o ano".

Protesta en Lugo

En Lugo, a veciñanza concentrouse diante da delegación da Xunta, nunha cita na que estiveron presentes distintos colectivos, así como representantes de partidos políticos, como o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo.

O acto decorreu coa lectura dun manifesto, ao que seguiu un poema da escritora Olga Novo. Un dos portavoces de Adega, Froilán Pallín, congratulouse da "resposta da xente" a esta convocatoria, á vez que anunciaba que as mobilizacións seguirán. En concreto, convocaron unha concentración ante todas as sedes da Xunta esta quinta feira, ás 20 horas.

Sobre a situación actual, Pallín reclamou "responsabilidades políticas" ás consellarías de Medio Rural e de Medio Ambiente. "En calquera país do mundo estaríanse a tomar medidas. Aquí están a arder xoias ambientais", protestou.

O BNG reclama medidas

Durante a súa participación na convocatoria, Rubén Arroxo, que estivo acompañado do parlamentario nacionalista Xosé Luís Rivas 'Mini', aproveitou para trasladar toda a súa solidariedade ás persoas afectadas polos lumes, así como o agradecemento do BNG aos efectivos que loitan contra o lume.

"É importante que os veciños afectados polo lume estean acompañados polo conxunto das administracións, que deben prestar todo o apoio e colaboración para que recuperen as súas vivendas e que, máis aló da circunstancia de que teñan ou non seguro, conten co acompañamento e as axudas necesarias para que canto antes poidan recuperar as súas casas e restabelecer as súas vidas", dixo.

A maiores, o BNG puxo o foco na falta de medios, de tal maneira que, a 18 de xullo, "hai brigadas antiincendios incompletas, coa metade de efectivos dos que marca a normativa Pladiga", aínda "non se constituíron a maioría das brigadas municipais" e "faltan convenios cos concellos para dotalos de recursos básicos" como motobombas.

"Temos un Goberno do PP que continúa sen ordenar o territorio, sen limpar o monte, sen investimentos suficientes en prevención e cando chega o verán, -cada vez máis secos- repítese a vaga de lumes", sinalou o deputado.