Manel Craneo e a banda deseñada con carimbo galego, no Sermos Galiza

Entrevista a Manel Craneo no Sermos Galiza deste 7 de agosto.

O novo número do semanario Sermos Galiza achega a todas e todos os apaixonados da banda deseñada unha entrevista de perto a Manel Craneo, figura fundamental do eido artístico galego. Aliás, a memoria é eixo central desta nova entrega do semanario, con dúas reportaxes fundamentais, a primeira sobre Camposancos (A Guarda) e a segunda sobre o penal de San Cristóbal (Nafarroa), un inferno para centos de galegos que sufriron a represión franquista. Ademais inclúese unha manchea de recomendacións para o tempo de lecer. Procura o teu exemplar, xunto con Nós Diario, este sábado nos quiosques e puntos de venda habituais!

O novo número do semanario Sermos Galiza, á venda desde o sábado 7 de agosto con Nós Diario, achega unha entrevista imperdíbel a Manel Cráneo, director de Demo editorial. Cráneo tamén é debuxante, guionista, editor, produtor, comisario de exposicións, podcaster e case calquera cousa que se lle ocorra. É, sobre todo, unha figura fundamental do eido artístico e leva xa máis dunha década traballando a prol do idioma e da nosa cultura desde a banda deseñada, creando e editando. Non perdas a conversa de Manuel Barrreiro con Manel Cráneo no novo número do Sermos.

Ademais, Manuel Xestoso achega a reportaxe Camposancos, labirintos da memoria. A memoria, sinala o xornalista, constitúe a columna vertebral da identidade. Os chamados lugares de memoria, di, son unha intersección entre o histórico e o afectivo que acaban erixindo os fitos nos que se apoia a conciencia dun pobo. Nun país cuxa Historia foi escrita, na súa meirande parte, por estudosos que desdeñaron o seu papel, estes lugares deben reconstruírse de xeito que recuperen o seu papel de motores da autoconciencia.

A Pasaxe, o porto de Camposancos (A Guarda), pode ser un exemplo de espazo onde se entrecruzan as voces desa Historia.

O inferno franquista de San Cristóbal

E seguindo coa memoria, Héctor Pena rescata a historia do penal de San Cristóbal (en Nafarroa) que foi, tras a guerra civil, un inferno para centos de galegos que sufriron a represión franquista. A situación era tan terríbel que moitos deles decidiron participar na grande evasión do forte do navarro monte Ezkaba.

O resultado: 55 deles foron asasinados cando os vixiantes os atoparon vagando de noite, famélicos e descalzos. Agora acábase de identificar o primeiro galego nunha foxa común da zona.

Natureza, lecturas, cinema, música, arte, historia e pasatempos

Aliás, na sección Andar e Ver, Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo presentan un roteiro que non quererás perder pola Serra do Larouco. Aló podes acudir cun libro para descansar na natureza. Por exemplo, Mario Regueira propón ler Medos de Héctor Carré, e Manuel López Foxo convida a encontrarse coa lectura de A esmeralda branca, de Manuel Vilanova.

No apartado de música, Héitor Picallo trae á actualidade o primeiro trobador da lírica galega, mentres que Pablo Carracedo ‘Jasper’ fala da Banda da Loba e o seu novo traballo musical, Hasme oír, con textos de Xela Arias.

No capítulo de cinema, o crítico Andrés Castro afonda no filme Tempo, cunha historia que transcorre a meirande parte nunha paradisíaca praia afastada de todo onde uns turistas pasan un día que promete ser ideal. Alí coinciden dúas familias, unha parella e un rapeiro. Pronto descobren que o tempo nesa praia discorre a unha velocidade que ameaza a súa existencia.

Fechan este novo número do Sermos Galiza os artigos A obra de Piranesi en Compostela do especialista en arte Carlos L. Bernárdez e mais o artigo de Cilia Torna titulado Inés de Castro, outra raíña galega en Portugal. E xa, para finalizar, atoparás os pasatempos realizados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa. Boa lectura de verán!