Esta segunda feira comeza a vacinación dos menores de 12 e 13 anos, cando o 71,75% da poboación está inmunizada

Picada da vacina a un mozo no Estado. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

Esta segunda feira os menores de 12 e 13 anos recibiran as primeiras picadas, mentres a Xunta confirma que a Galiza supera o 71% da poboación vacinada, circunscrito a poboación diana, xa é o 78,4%.

1.923.967 galegas e galegos xa teñen a pauta completa dalgún dos compostos contra a Covid-19, segundo a información ofrecida este domingo pola Xunta, confirmando que a Galiza xa superou o 71% da poboación xeral vacinada, que ascende o 71,25%. 

No que atinxe á poboación diana, o Goberno informa de que até o 78,4% foi inoculada. Na última xornada, só foron postas 11 picadas, 10 delas segundas doses.

Até o de agora, foron administradas o 98,2% das doses recibidas, 3.885.791 de vacinas, mentres que as entregadas a Galiza suman 3.956.505 de doses de virais en contra da Covid-19.

A segunda feira comeza a vacinación de menores de 12 e 13 anos

A chegada dunha partida de doses de Moderna, asegurada a pasada sexta feira, permitiu que desde esa data comezaran a enviarse as citacións aos menores con esa idade cumprida, a mínima para a cal están autorizadas neste intre as vacinas.

Estas doses empezarán a ser inoculadas esta segunda feira, aseverou Julio García Comesaña nunha visita ao punto de vacinación da Cidade da Cultura.

As persoas que reciban nesta segunda feira a picada de Moderna, cunha cadencia entre doses de catro semanas, poderán ser citadas para a segunda inxección antes de que comece o curso escolar, salientou Comesaña, que explicou que despois da vacinación destes menores, cuarta e quinta feira serán as persoas de entre 14 e 16 anos as chamadas para recibir Pfizer.

O obxectivo, apuntou o Conselleiro, é que “na semana do 13 ao 19 de setembro todos os mozos teñan a pauta completa”, deste xeito, amosouse confiado en “garantir un inicio de curso aínda máis seguro”. 

A previsión de vacinación desta semana complétase coa administración de segundas doses ás persoas de 20 a 29 anos.