'Malvada Profe' é co creadora de "As Womansplainers"

'Malvada Profe': "En moitos temas estamos orfas de alguén que nos explique como nos afectan"

‘Malvada Profe’ tamén participa noutro podcast sobre a lingua galega. (Foto: Nós Diario)
“As Womansplainers” é un podcast que, desde unha perspectiva feminina e feminista, trata sobre temas que afectan ás mulleres. As súas creadoras, ‘Malvada Profe’, ‘Saboridinha’, ‘Ghanito’ e Sara Martínez, explican que o nome do podcast é unha homenaxe á escritora estadounidense Rebecca Solnit, autora de 'Men explain things to me', no que fala dos 'mansplainers', homes que asumen que as mulleres non saben de certos temas, obviando que poidan ser expertas ou simplemente teren vivido experiencias relacionadas.

-Podería dicirme como naceron “As Womansplainers”?

A idea tívoa Ghanito, en outubro do ano pasado, e díxome a min de facelo. En xaneiro finalmente nos xuntamos para a primeira reunión telemática, pero non gravamos até febreiro. A idea era xuntarnos varias mulleres para falar. O importante é que temos diferentes idades e diferentes perfís, tanto nós como as nosas convidadas, ás que escollemos segundo nos poidan achegar unha perspectiva diferente á nosa. Intentamos que calquera persoa que nos escoite se sinta identificada. 

-Gravar un podcast... era esa a súa idea inicial?

O do podcast estaba decidido desde o principio, aínda que ao tamén pensáramos en facer vídeo, para emitilo en YouTube ou Twitch. O que pasa é que non é tan doado. Hoxe en día na Galiza, algunhas das nosas convidadas viven no rural ou nos cascos vellos das cidades galegas e non teñen boa calidade de banda ancha que nos permita gravar en óptimas condicións. Aínda así, pódoche dicir que non descartamos gravar algún episodio da próxima tempada.

-O funcionamento interno dun podcast debe ser complexo.

Tratamos todo tipo de aspectos: algúns máis serios, como a exposición en redes ou o consentimento sexual, e outros algo máis relaxados, como o dos peitos ou o dos penes. O propio tema xa marca o rexistro. Procuramos buscar información e introducir o programa nun ton serio. Intercambiamos entre nós artigos de varias revistas, ou vídeos, e informamos. Cando convidamos a alguén, ofréceselles a lista de temas para que escolla algún do que controle. Non temos guión, pero a introdución si que está guionizada, e ademais temos unhas preguntas para que a convidada saiba de que se vai falar en cada momento. Á hora de buscar convidadas, intentamos falar con xente máis anónima, pero que ten vivencias moi interesantes. Buscamos traer persoas que acheguen variedade ao noso relato, pero que tamén se manexen ben no galego; ao podcast viñeron mulleres con todo tipo de falas e variades, e mesmo mulleres que falaban portugués ou brasileiro. Intentamos falar co mellor galego que podemos, porque para nós a lingua é un valor moi importante.

-Cal é o obxectivo de “As Womansplainers”?

O obxectivo é duplo. Primeiro, que os homes se afagan a escoitar a mulleres. E segundo, que outras mulleres se xunten a falar coas súas amigas e veciñas e opinen sobre o que lles afecta e sobre o que non. O podcast é un medio para chegar a iso. Queremos normalizar e dar referencias ás mulleres. Ademais, cada unha de nós temos obxectivos individuais, e o podcast serve para realizarnos en materia de lingua, como desabafo ou como terapia do resto da semana. 

-Como foi integrarse dentro do auxe actual de novos proxectos en galego?  

A comunidade podcasteira galega apoia moitísimo e é moi xenerosa. Ofrécenche axuda para todo. Si que notamos que o noso podcast tivo un apoio inicial do público moi forte. Penso que, aínda que existían proxectos semellantes, había unha necesidade na xente de que houbese un programa así. Tamén nos gusta ver que nos escoitan case os mesmos homes que mulleres. En especial, homes novos que están abertos a escoitarnos, a preguntarnos dúbidas e a reflexionar sobre as súas propias actuacións e experiencias, pero desde a perspectiva que nos lles damos.

-Que importancia ten que existan iniciativas como “As Womansplainers”?  

Penso que é importante que haxa proxectos que traten sobre o que afecta ás mulleres desde a perspectiva das propias mulleres, porque en moitos temas estamos orfas de alguén que nos explique ou nos faga ser conscientes das cousas que a nós nos afectan, e como nos afectan.