#25N DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

"Contra o maltrato, actúa"

Convidados de pedra foi a peza gañadora do I Concurso de Guións contra a violencia machista organizado pola Deputación da Coruña. A idea central combate a pasividade social perante o maltrato. 

 

Unha nena recolle o premio polo seu relato “As dúas”. A historia recolle o maltrato dun home á muller a súa filla. Mais a historia non é ficción, acontece na súa casa. É o arranque da curta “Convidados de pedra”, gañadora do I Concurso de Guións contra a violencia de xénero que a Deputación difunde na rede.

“Ante o maltrato, non sexas un convidado de Pedra, actúa”, é a mensaxe central da curtametraxe elaborada por un grupo do alumnado do IES Poeta Añón de Outes que gañou a primeira edición do concurso de guións contra a violencia de xénero da Deputación e que logo foi realizado coa titorización da produtora Esferobite.

Alumnado, co apoio da profesora Manuela Campos, desenvolveron a curta no verán deste mesmo ano no obradoiro “Actúa, non sexas un convidado de pedra contra a violencia de xénero”. Chegaba a imaxes unha historia que, como perseguía a convocatoria, procurou debates nas aulas dos centros escolares, reflexión arredor do tema e ergueu a alerta nun tramo de idade de especial relevancia para a prevención da violencia machista.

Goretti Sanmartín, demandou unha maior implicación desde as administracións e maior conciencia social para eliminar a violencia contra as mulleres

Melissa Lado, Luis Mayo, Alberto Rodríguez e Antía Villar, alumnado do IES Poeta Añón de Outes, son representantes do alumnado que, canda as súas familias, participaron esta sexta feira na Casa da Cultura de Outes no multitudinario acto de estrea da curta na que a deputada a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, a nacionalista Ánxela Franco, destacou o papel central do sistema educativo na prevención da violencia de xénero e lembrou que estaban abertas as novas convocatorias destinadas a centros de ensino como unha nova edición do concurso de guións ou o Premio Concepción Arenal dirixido a proxectos socioeducativos pola igualdade de xénero con tres modalidades, infantil, primaria e secundaria e unha dotación de 5.000 euros en cada unha delas.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, a nacionalista Goretti Sanmartín, demandou unha maior implicación desde as administracións e maior conciencia social para eliminar a violencia contra as mulleres. “As políticas, o discurso, os recursos contra a violencia de xénero teñen que ser unha prioridade”, sinalou e, desde a Deputación fixo un chamamento “agora que todas as administracións están cos orzamentos, a que non haxa ningún recorte para atallar a violencia, a que existan orzamentos, planificación neste ámbito en que a administración local ten moito por facer” . 

Convidados de Pedra. (V.O. Galego) from Convidados de pedra on Vimeo.