Pontevedra e Compostela visibilizan a violencia machista o 25-N

Pontevedraviva

Senllas campañas promovidas polos gobernos locais levan os relatos das mulleres en situación de violencia ás rúas e aos escaparates.

 

Con motivo do 25 de Novembro os gobernos locais de Pontevedra e Compostela, através das súas concellarías de Igualdade, lanzaron cadansúas campañas institucionais. 

Segue a pasar e Compostela en negro foron os lemas escollidos para dúas campañas que visan axitar conciencias. No caso da cidade do Lérez, que o pasado ano transgrediran a publicidade tradicional para focar a atención na violencia máis alá dos golpes, decidiron reproducir as denuncias presentadas por tres veciñas. Casos reais de mulleres que cederon de maneira voluntaria a súa experiencia narrada como "inspiración" para outras que "estexan a pasar por situacións semellantes", asegurou a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, na presentación. 

"Tres mulleres deron o paso de ceder as súas denuncias para que sexan instaladas nos mupis da cidade e para que todo o mundo lea cal é o inferno no que viven", acrecentan desde o goberno local que completan a campaña cunha acción dirixida de maneira directa á mocidade. 

“Es miña – Tes o ticket?”

Coa participación do Consello das Mulleres Novas o concello reproducirá cuns cubos situados na Praza da Ferraría, mensaxes de texto que visan visibilizar comportamentos "sexistas" e "machistas" como “Es miña – Tes o ticket?”, “Es miña – Non son sumisa de ninguén”, “Es miña – Non son de ninguén”, “Quero facer todo contigo – Todo? Imposible”. O obxectivo de "atallar os falsos estereotipos do amor romántico, tan importante na xente moza". 

O pasado ano o Concello de Pontevedra desenvolveu, conxuntamente co CIM, un proxecto de intervención nos institutos públicos da cidade encamiñado a identificar aquelas “crenzas erróneas” e “comportamentos violentos”  no seo das relacións de parella entre a mocidade. 

“O futuro é a educación”, asegurou Carme Fouces que avanzou a elaboración dun plan específico de prevención para Ponte Sampaio, a localidade na que foi asasinada Conchi Reguera.

Escaparates de loito

Pola súa banda, a corporación municipal de Compostela, através da Concellaría de Igualdade, levou a campaña institucional contra a violencia machista, no marco do 25 de Novembro, aos escaparates. 

Compostela en negro, unha inciativa deseñada por Uqui Permui, contou coa colaboración de 230 estabelecementos que vestiron de loito os seus manequís para visibilizar a violencia machista. 

Nos trinques pódense ler lemas como "Sí é si, non é non", "Sempre libre e viva" ou "Son libre de decidir a miña vida" que queren concienciar sobre "cifras arrepiantes" sinalan como que unha de cada catro mulleres que están en situación de violencia non denuncia por medo e 3 de cada 10 mulleres maiores de 16 anos sofre algún tipo de violencia machista.

Fillas bravas 

Para alén disto, a campaña complétase con proxeccións fílmicas, obras de teatro e un programa de sensibilización dirixido a adolescentes. Esta acción visa "presentar os conceptos asociados á igualdade de xénero dun xeito lúdico e pedagóxico ao mesmo tempo", explican desde o concello, para o que empregarán o espectáculo As fillas bravas, da compañía Chévere, que servirá de base  para unha unidade didáctica e obradoiros sobre os valores da igualdade. 

A obra "reflicte de xeito lúdico un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional, transmitidos no cancioneiro popular galego a través da recompilación de textos orais populares", sinalan, e dirixirase a máis de 450 adolescentes que cursan 4º da ESO ou 1º de Bacharelaro nos IES Pontepedriña, Xelmirez I, Antonio Fraguas e Fontiñas.