Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo: "Debemos contribuír á plena normalización social da diversidade sexual e de xénero"

Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo (Nós Diario)

A Deputación de Lugo colabora desde o mes de xuño e até novembro, da visibilización do colectivo LGTBI+ a través da programación Lugo Diversx, que organizan os colectivos Arelas, Avante LGTBI+ e Sete Outeiros. Maite Ferreiro, vicepresidenta desta institución, partilla a idea da necesidade de normalizar o día do Orgullo tamén coa implicación da rede museística, facendo coincidir celebracións dentro dos actos previstos.

Nós Diario tamén pon a súa parte na visibilización do orgullo LGTBI+ coa convocatoria do I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual, cuxo prazo de recepción de orixinais remata esta sexta feira, día 23.

Que papel deben xogar as institucións na visibilización do orgullo LGTBI+?

Debemos contribuír á plena normalización social da diversidade sexual e de xénero e, non sendo a única ferramenta, a visibilización do orgullo axuda a avanzar nesa dirección. Cremos que esa visibilización se debe facer desde todas as áreas de goberno, de forma continuada, máis aló de días concretos, e a partir dun diálogo estreito e dunha escoita activa dos colectivos LGTBI+, das necesidades e das propostas que formulan. 

Nos actos polo Día do Orgullo, que organizamos da man dos colectivos Arelas, Avante LGTBI+ Lugo e Sete Outeiros, que son vangarda na visibilización da diversidade sexual en Galiza, sorprendeunos que nos comentaran que moitas veces teñen dificultades incluso para dispor de espazos institucionais para organizar actos reivindicativos. 

Que opina da experiencia de socializar o orgullo a través de microrrelatos no I certame que organiza Nos Diario [este 23 de outubro é a última oportunidade para enviar os textos] e coa que colabora a Deputación?

Valoramos moi positivamente os proxectos culturais e artísticos de temática LGTBI e en xeral todas as accións de sensibilización e de promoción da diversidade, sobre todo cando se aposta en manter esa temática máis aló de datas concretas como a do Día do Orgullo.

Os medios de comunicación xogan un papel moi importante nesa normalización plena da diversidade sexual da que falabamos ao comezo.  Agardamos que a iniciativas teña boa acollida e que se manteña.

Queda moito por facer para que na nosa sociedade non haxa discriminación por este motivo?

Sen dúbida. Hai moitos eidos nos que avanzar en relación cos dereitos e liberdades das persoas LGTBI+, mesmo en cuestións básicas como a atención sanitaria ou a inserción laboral.

É necesario afondar na formación do persoal educativo e no apoio e asistencia ás familias e ás mozas e mozos, para que non afronten soas situacións de discriminación ou de acoso.

Este ano, no Día do Orgullo, os colectivos convocantes puxeron o acento na situación das mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais, historicamente sometidas a unha dobre discriminación pola súa condición de mulleres nunha sociedade machista e pola súa identidade e orientación.

Por outra parte, estamos nun momento en que rexorden discursos que cuestionan ou negan abertamente os dereito e liberdades das persoas non heteresexuais. Temos que estar atentas, e rebater con contundencia estes posicionamentos.  

Lugo terá unha iniciativa pioneira, unir o Día do Orgullo e o Día dos Museos, como se levará a cabo?  

Vinculamos o Día do Orgullo co Día dos Museos a través da programación cultural Lugo Diversx que vén desenvolvéndose desde o propio 28 de xuño, e que inclúe palestras, concertos, accións de visibilización nas redes sociais e unha exposición sobre a loita da comunidade LGTBI polos seus dereitos e liberdades.

É unha mostra itinerante, que puxemos  a disposición de asociacións e centros educativos e que puido verse tamén na Praza de San Marcos, na sede da Deputación Provincial, e nos xardíns do Museo de Lugo.

A idea de vincular as dúas datas sae da Rede Museística Provincial, que desenvolve un labor moi recoñecido no ámbito da museoloxía social e que aposta pola inclusión, a igualdade e a diversidade tanto na súa programación como nas actividades coa comunidade educativa e con outros colectivos sociais e entidades do terceiro sector.