Máis voces denuncian "listas negras" na Deputación de Pontevedra

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e Luís López 'Lugués', presidente da Deputación de Ponrt nun acto recente. (Foto: Nós Diario)
Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) critican o veto ás catro relatoras.

A censura da Deputación de Pontevedra a catro relatoras participantes no proxecto 'Aquí faltan páxinas' –dependente do departamento de Igualdade e cuxa finalidade é rescatar biografías de mulleres invisibilizadas–, por apoiar o BNG continúa a sumar críticas. Desta volta, as entidads spola memoria, reunidas na Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que subscriben o manifesto Aquí faltan investigadoras, aquí sobran listas negras, no que denuncian publicamente "o veto e a censura da Deputación de Pontevedra a catro recoñecidas investigadoras como son Montse Fajardo, Mercedes Queixas, María Xesús López Escudeiro e Elsa Quintas". 

"Estamos diante dun grave atentado democrático", afirman, en canto ataque "ao pluralismo ideolóxico e dun caso de censura que pretende amedrentar a sociedade para que non exprese libremente as súas ideas". IGM e AELG afirman que se dirixen ás entidades sociais, culturais e académicas galegas para que manifesten o rexeitamento "deste tipo de prácticas sectarias e antidemocráticas".

A Deputación, que preside Luís López, xustifica a censura de relatoras alegando que optou por aplicar criterios como o da non repetición de nomes, a entrada de novos perfís menos visíbeis e a súa extensión a municipios do rural". 

Porén, unha das afectadas, Montse Fajardo, non tardou en responder ás "escusas" da Deputación a través das súas redes sociais: "As escusas da Deputación de Pontevedra para o seu veto son facilmente desmontábeis. Que eu saiba, das catro censuradas só repetía eu e a Virxinia [Pereira, de quen Fajardo é biógrafa] querían mantela, non é certo que busquen perfís menos coñecidos. Ademais, tanto ela como Placeres [Castellanos, da que Elsa Quintas é biógrafa] non naceron en cidades grandes. En fin, xulgade vós. Eu creo que a cousa está moi clara".

Pleno en Vigo

O BNG de Vigo rexistrou esta quinta feira unha moción de urxencia para a vindeira sesión plenaria do concello para rexeitar a exclusión de catro relatoras:" "Non imos permitir que a Deputación volva aos tempos tenebrosos do 'Louzanato' nin que o PP a converta no seu cortello", afirmou o portavoz municipal, Xabier P.  Igrexas. O alcalde Abel Caballero anunciou esta sexta feira, un día despois de rexistrar o BNG a moción, que convocaría un "pleno extraordinario" sobre este tema. 

"A decisión anunciada polo Alcalde non foi posta en común nin co Grupo Municipal do BNG, nin coa Xunta de Portavoces", lamentou Igrexas, que anunciou que o nacionalismo mantén a moción de urxencia. 

Rosalía, "ocultada"

Por outra parte, o grupo do BNG na Deputación de Pontevedra  criticou esta sexta feiraque o Goberno do PP na entidade provincial "renegase de pór en valor a figura de Rosalía de Castro e fixese desaparecer os actos institucionais e a programación provincial do 23-F que se viñan organizando nos mandatos anteriores para conmemorar o nacemento da autora." 

A deputada nacionalista María Ortega, responsábel da área de Lingua os últimos catro anos, subliñou a “falta de compromiso do PP coa cultura propia do país, repudiando a nosa identidade e orixes, o que demostra que son un partido estatal que non ten a cabeza en Galiza”.