UNHA MULLER DE PONTESAMPAIO

Máis unha vítima de feminicidio en Galiza

Acto contra o feminicidio

[ACTUALIZADA ÁS 18.40] Conchi, R.P, muller de 38 anos foi asasinada esta madrugada na parroquia pontevedresa de Pontesampaio presuntamente polo seu ex compañeiro sentimental, que foi detido.

Conchi Reguera Peón, unha muller de 38 anos natural de Pontesampaio, parroquia de Pontevedra, foi acoitelada esta madrugada no que sería o quinto caso oficial de feminicidio na Galiza. As forzas de seguridade estatais desenvolveron un amplo operativo de busca e detiveron esta mañá o sospeitoso, o ex compañeiro sentimental da vítima, que tería fuxido no vehículo da asasinada. O varón, José Antonio Lusquiños Bustelo, naceu no ano 1981 e é veciño de Soutomaior.

Tal e como informa a Policía Nacional, os feitos ocorreron ao redor das 3.50h. Deste caso vense de facer cargo o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra.

A vítima de feminicidio rexentaba un quiosque na praia da Xunqueira, un estabelecemento que ficou completamente queimado logo de sufrir un grave incendio o pasado 16 de outubro.

Para mañá, domingo, a partir das 11.30h, está convocada unha concentración en Pontesampaio diante da casa da asasinada.