Máis un #venresnegroTVG contra a manipulación

Imaxe: @Xcodesido

Persoal da CRTVG volve vestir de negro e realiza concentracións para denunciar o control político sobre o medio público galego.

Máis un #venresnegroTVG na canle pública galega e xa van cinco. Por quinta sexta feira consecutiva, persoal da televisión e radio galegas vestiron de negro e concentráronse para denunciar a  manipulación da información pola dirección e o control político. Que os presentadores do Telexornal2 da TVG Alfonso Hermida e Tati Moyano comunicaran esta semana á dirección do ente público galego que renuncian a continuar á fronte deste espazo na próxima temporada pola manipulación informativa non fai senón reafirmar o profundo deste protesto.

 

“Sumar e construír para facer outra televisión. É posible e temos dereito a conseguilo. Alfonso Hermida mais eu agradecemos os apoios recibidos todos estes días. Chegaron mesmo desde a Galicia da diáspora. Seguimos. Hoxe volve ser #venresnegroTVG” escribiu Tati Moyano no seu twitter.

“A nosa reivindicación por uns medios públicos rigorosos, veraces e plurais non é unha excepción, senón un compromiso colectivo. A implicación nesta tarefa é irrenunciable” escribía Alfonso Hermida nesa mesma rede social.

 

Tamén acudiron vestidas de negro –en solidariedade co persoal da TVG- representantes da oposición na Comisión parlamentar da CRTVG.

 

“Na TVG ocúltase a parte da realidade de Galiza que non satisfai a egolatría do goberno”. Isto denunciaba en 2017 nunha entrevista neste medio Luis Quintas, xornalista da TVG que pediu amparo ao comité de empresa ao retirarse dunha noticia que el elaborou aquelas partes críticas coa Xunta. En outubro dese mesmo ano, 2017, unha traballadora da CRTVG foi obrigada a omitir en directo unha noticia negativa para o PP. O Comité de empresa avalaba a denuncia de manipulación informativa apresentada por unha redactora en contrato de prácticas da Radio Galega.

 

Son dous exemplos das denuncias de manipulación que se fan  desde os propios profesionais que traballan na CRTVG.