Máis un protesto na Coruña en defensa dos COF e a atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres

[Imaxe: SG]

O Sergas deixa sen cubrir a única praza de xinecoloxía no centro de orientación familiar do Ventorrillo e contrata unha xinecóloga un día á semana que consulta no hospital Materno infantil e carrexa desde xaneiro unha lista de agarda de 300 mulleres. Unha concentración cidadá convocada polo Grupo de apoio aos COF transladou as súas reclamacións ao centro hospitalario


Máis un protesto na Coruña volveu reclamar na rúa que se manteñan todos os servizos que garanten a atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, incluídos os centros de orientación familiar (COF). Hai cinco meses que o cadro de persoal do COF do Ventorrillo alertou de que, perante a xubilación do único xinecólogo, esa praza ficaría sen cubrir.

A consellaría de Sanidade xa anunciara que cumpría librar as dependencias en que está instalado o centro, a dirección médica non fora nomeada e as axendas ficaban pechadas. Semanas máis tarde foi a Xunta quen confirmou no Parlamento que este centro non disporía de consulta de xinecoloxía, derivando ao outro COF da cidade, o de Orillamar, a demanda de toda a comarca sanitaria: 152.000 mulleres e por volta de 40 concellos.

A resposta nas rúas non se fixo agardar e foi cada vez máis contundente. Revolvéronse contra o desmantelamento destes centros, pois o departamento que dirixe Rocío Mosquera anunciou que o acontecido na Coruña sería norma para todo o País. A seguinte xubilación d@ profesional de xinecoloxía producirase nun COF de Ourense e a Xunta xa dixo que a praza ficaría tamén amortizada namentres impulsa con diñeiro público unha rede paralela de centros privados xestionados pola Igrexa e organizacións próximas ao Opus Dei. Na Coruña suprimir a praza de xinecoloxía fixo do COF un dispensario de anticonceptivos.

A "burla" da consellaría

Porén, a presión social fixo recuar á consellaría, quen contratou de maneira temporal unha xinecóloga que presta atención un día á semana, as terzas feiras, en horario de tarde no hospital Materno infantil da cidade, de maneira illada ao resto da equipa multidisciplinar do Ventorrillo e namentres as dependencias do COF fican baleiras. Segundo o comunicado ao que deu leitura María Seijo, presidenta da xunta de persoal da xerencia de xestión integrada da Coruña, só coas mulleres que fican á espera de que lle dean vez para a consulta a psicóloga contratada pode ocupar as tardes de 15 martes. 

Aliás, a atención que se ofrecía no centro era diaria polo que os colectivos que se opoñen ao seu desmantelamento --máis de vinte e organizados no Grupo de apoio aos COF-- consideran este remendo aplicado por Sanidade "unha burla" e "unha irresponsabilidade". 

"Nestes meses bloqueouse intermitentemente a citación para o Ventorrillo, mais había en espera 300 mulleres", sinalou Seijo, quen fixo referencia a que, en resposta parlamentar, o PPdG sinalou que os COF desaparecerían para que fosen matronas e médic@s de familia quen se ocupase da saúde sexual e reprodutiva das pacientes "sen concretar ningún plan". O Grupo de apoio aos centros de orientación familiar --do cal fan parte organizacións feministas, sindicais e políticas-- considera que o desleixo da Xunta traducirase en que as mulleres "acabarán resolvendo os seus problemas na privada". 

Reivindicacións

Para alén de que se cubra a praza de xinecoloxía do Ventorrillo "xa", o colectivo reclama formación para o cadro de persoal de atención primaria, así como a asignación dunha persoa responsábel en cada centro de saúde que asegure que as mulleres van gozar, efectivamente, desta prestación sanitaria. Aliás, exixen coordinación cos COF "para que se asegure a mesma atención viva a persoa en Cee ou na Coruña". Namentres isto non se conquira, seguirán as mobilizacións.