Máis un protesto na Coruña volveu reclamar na rúa que se manteñan todos os servizos que garanten a atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, incluídos os centros de orientación familiar (COF). Hai cinco meses que o cadro de persoal do COF do Ventorrillo alertou de que, perante a xubilación do único xinecólogo, esa praza ficaría sen cubrir.
A consellaría de Sanidade xa anunciara que cumpría librar as dependencias en que está instalado o centro, a dirección médica non fora nomeada e as axendas ficaban pechadas. Semanas máis tarde foi a Xunta quen confirmou no Parlamento que este centro non disporía de consulta de xinecoloxía, derivando ao outro COF da cidade, o de Orillamar, a demanda de toda a comarca sanitaria: 152.000 mulleres e por volta de 40 concellos.
A resposta nas rúas non se fixo agardar e foi cada vez máis contundente. Revolvéronse contra o desmantelamento destes centros, pois o departamento que dirixe Rocío Mosquera anunciou que o acontecido na Coruña sería norma para todo o País. A seguinte xubilación d@ profesional de xinecoloxía producirase nun COF de Ourense e a Xunta xa dixo que a praza ficaría tamén amortizada namentres impulsa con diñeiro público unha rede paralela de centros privados xestionados pola Igrexa e organizacións próximas ao Opus Dei. Na Coruña suprimir a praza de xinecoloxía fixo do COF un dispensario de anticonceptivos.
A "burla" da consellaría
Porén, a presión social fixo recuar á consellaría, quen contratou de maneira temporal unha xinecóloga que presta atención un día á semana, as terzas feiras, en horario de tarde no hospital Materno infantil da cidade, de maneira illada ao resto da equipa multidisciplinar do Ventorrillo e namentres as dependencias do COF fican baleiras. Segundo o comunicado ao que deu leitura María Seijo, presidenta da xunta de persoal da xerencia de xestión integrada da Coruña, só coas mulleres que fican á espera de que lle dean vez para a consulta a psicóloga contratada pode ocupar as tardes de 15 martes.
Aliás, a atención que se ofrecía no centro era diaria polo que os colectivos que se opoñen ao seu desmantelamento --máis de vinte e organizados no Grupo de apoio aos COF-- consideran este remendo aplicado por Sanidade "unha burla" e "unha irresponsabilidade".
"Nestes meses bloqueouse intermitentemente a citación para o Ventorrillo, mais había en espera 300 mulleres", sinalou Seijo, quen fixo referencia a que, en resposta parlamentar, o PPdG sinalou que os COF desaparecerían para que fosen matronas e médic@s de familia quen se ocupase da saúde sexual e reprodutiva das pacientes "sen concretar ningún plan". O Grupo de apoio aos centros de orientación familiar --do cal fan parte organizacións feministas, sindicais e políticas-- considera que o desleixo da Xunta traducirase en que as mulleres "acabarán resolvendo os seus problemas na privada".
Reivindicacións
Para alén de que se cubra a praza de xinecoloxía do Ventorrillo "xa", o colectivo reclama formación para o cadro de persoal de atención primaria, así como a asignación dunha persoa responsábel en cada centro de saúde que asegure que as mulleres van gozar, efectivamente, desta prestación sanitaria. Aliás, exixen coordinación cos COF "para que se asegure a mesma atención viva a persoa en Cee ou na Coruña". Namentres isto non se conquira, seguirán as mobilizacións.
Máis un protesto na Coruña en defensa dos COF e a atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres
O Sergas deixa sen cubrir a única praza de xinecoloxía no centro de orientación familiar do Ventorrillo e contrata unha xinecóloga un día á semana que consulta no hospital Materno infantil e carrexa desde xaneiro unha lista de agarda de 300 mulleres. Unha concentración cidadá convocada polo Grupo de apoio aos COF transladou as súas reclamacións ao centro hospitalario