Máis unha 'puñalada' ás persoas dependentes: sindicatos acusan á Xunta de desmantelar o 065

CC BY-NC-SA CIG-Avantar

CIG, CCOO e UXT afirman que o servizo 065 vai desaparecer o 28 deste mes por decisión do goberno galego, o que vai afectar a 5.000 usuari@s. Unha decisión que xa coñecen os 55 traballadores que prestan este servizo e a quen lles anunciaron os seus despedimentos.

A Xunta procura ocultar o desmantelamento do 065, o servizo galego de apoio á mobilidade persoal que atende a máis de 5.000 persoas, no que é unha nova 'puñalada' á aqueles que máis axuda necesitan. Esta é a denuncia que desde CIG, CCOO e UGT queren transladar á cidadanía, alertando que a partires do vindeiro 28 deste mes ese servizo vai deixar de funcionar. E iso vai ter consecuencias inmediatas: “Moitas persoas maiores e dependentes van ter que renunciar os seus tratamentos”.

Estes tres sindicatos compareceron de maneira conxunta. Indicaron que a empresa que presta o servizo do 065 nas provincias de A Coruña e Lugo, UTE Aucasa, xa notificou aos seus 55 traballadores que operan neste servizo que van ser despedidos a finais deste mes.

“É un recorte brutal sobre a poboación que se leva a piques sen ningún tipo de diálogo", critican os sindicatos

“A Xunta volve dar outra puñalada ás persoas dependentes, e vaino facer de forma oscurantista e torticeira” criticou Xesús Pastoriza, da CIG. Marcos Pérez, de CCOO,lamentou a “falla de sensibilidade” da Xunta por facer desaparecer “un servizo público para as persoas con máis necesidade o ter menos recursos”. E Luis Figueroa, da UGT, criticou que a empresa tente basear en cuestións obxectivas os despedimentos cando responden a un criterio ideolóxico da Xunta.

“É un recorte brutal sobre a poboación que se leva a piques sen ningún tipo de diálogo", critican.