"O máis grande de Galiza está até a cona de...", lema do BNG para o 8M

Un momento da apresentación da campaña, cun cartaz xa pendurado no mobiliario urbano

Humor e irreverencia contra o machismo e contra a linguaxe politicamente correcta. Esa é a aposta do BNG no seu lema para o 8M: "O máis grande de Galiza está até a cona de...". De cobrar menos polo mesmo traballo. Dos asasinatos machistas. De asumir en exclusiva os coidados nas familias. Perante a "desigualdade", a "violencia contra as mulleres" e o "neomachismo" dos gobernos español e galego "non caben a medias tintas", enfatizou Ana Pontón.

O BNG parodia abertamente o cartaz e o lema empregados pola Xunta no Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero -nunha campaña oficial que levantou grande polémica ao comparar as mulleres con monumentos- e bota man dun rexisto coloquial para ilustrar até que ponto as mulleres están fartas do dominio patriarcal.

 

A orixe da campaña, revelou na súa apresentación Ana Pontón, haina que procurar nas constantes mostras de machismo oferecidas desde os despachos oficiais dos gobernos do PP. Abonda con dous exemplos. O primeiro tivo como protagonista o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, cando interpelado sobre a discriminación salarial que sofren as mulleres afirmou que "non nos metamos niso". O segundo serían "as campañas paternalistas e cousificadoras da Xunta, toda unha mostra do neomachismo que retrata a visión que o PP ten das mulleres", di Pontón quen apresentou na rúa do Hórreo, ao pé do Parlamento galego, unha campaña que coordena a secretaria de Muller da Executiva Nacional do BNG, Noa Presas.

 

 

"Dicímoslle ao PP e ao señor Feijóo, e estou segura de que o van entender, que o máis grande de Galiza está até a cona, repito, o máis grande de Galiza está até a cona de cobrar menos salario polo mesmo traballo, de ver como as mulleres son maltradas e asasinadas pola violencia machista, fartas de que a conciliación da vida familiar e laboral sexa unha carreira de obstáculos que recae sobre as nosas costas e estamos fartas de que nos toque a peor parte polo simples feito de ser mulleres", dixo Pontón.

 

Ante o 8M, obxectou a líder nacionalista, "non valen de nada as campañas rituais nen os lazos lila que seguramente veremos en moitas solapas de señores do PP, e tampouco valen de nada as palabra baleiras de contido que non se acompañan de feitos que realmente defenden a igualdade e os dereitos das mulleres". Entón? Pois o que vale é a acción social, daí que Pontón fixese un chamamento explícito a participar nas mobilizacións axendadas co motivo do 8M, a comezar pola manifestación nacional convocada en Vigo este 4M e a seguir pola greve do propio 8 de marzo: "Que se note nos centros de traballo, que se note no consumo e que se note nas casas".

 

No texto do cartaz o BNG explica así por que as mulleres galegas están até a cona: "porque ser seremos o máis grande de Galiza, mais sufrimos unha fenda salarial do 28,7 por cento, 4.135 euros menos ao ano polo mesmo traballo e 22.500 mulleres galegas declaran traballar a tempo parcial para asumir coidados familiares".