A oposición pede a retirada da campaña da Xunta polo 25-N por ser “cousificante e paternalista”

Un detalle do cartaz

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, vén de apresentar a nova campaña da Xunta co gallo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O lema promocional reza “O máis grande de Galicia non se maltrata”, mentres que a imaxe que o acompaña ilustra tres mulleres xigantes a carón de varios monumentos do país (a catedral de Santiago, a ponte romana de Ourense, a torre de Hércules...). A oposición non tardou en amosar o seu rexeitamento e solicitar a retirada desta campaña de forma inmediata.

A voceira do BNG, Ana Pontón, publicou este domingo un chío onde critica o “despropósito” da Xunta con esta “contraproducente” campaña. “Paternalismo e cousificación tamén son machismo”, declara a política. A deputada nacionalista Olalla Rodil, por súa parte, asinou un artigo sobre o asunto en Sermos.

 

Pola súa banda, En Marea repite as mesmas críticas. A través dun comunicado de prensa, a Marea Feminista considera que dita campaña “non aborda nin causas, nin medidas nin solucións contra a violencia machista”, senón que aborda de forma “superficial” o problema, evitando “intencionadamente” a raíz da violencia machista. “Dá unha visión patriarcal das mulleres ao comparalas cun patrimonio material que hai que protexer, como se fósemos cousas ou obxectos”, acusan. “As mulleres non somos cousas, non pertencemos a ninguén. Non queremos que nos protexan por ser mulleres, queremos que se garantan os nosos dereitos”, afirman desde a rama de igualdade do partido.

 

A deputada de En Marea, Paula Quinteiro, emprazou a Xunta de Galiza a “retirar a campaña do 25 de novembro porque é inaceptábel”. Ao mesmo tempo, a parlamentar apuntou esta segunda-feira nunha conferencia de imprensa que isto “non é ningunha novidade”. Quinteiro aludía a campaña do 8 de marzo deste ano, en que a Xunta se refería ás mulleres como “unha das cousas máis grandes de Galicia”. “Temos que repetir que as mulleres non somos cousas, somos persoas e parécenos inaceptábeis este tipo de campañas”, criticou.

 

Por último, o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, foi cuestionado esta segunda-feira en conferencia de imprensa sobre o tema. O socialista admitiu que a campaña “é unha torpeza e permite unha interpretacion cousificadora da muller” “Fai alusions non procedentes e debe corrixirse”, demandou Leiceaga, ao tempo que amosaba “toda a súa preocupación”.