Máis de dous anos de espera para unha intervención cirúrxica de uroloxía

A Asociación de Pacientes do CHUS censura que o Sergas "altere a información pública" das listas de agarda "para evitar recoñecer os fallos (Foto: Europa Press).
A Asociación de Pacientes do CHUS denuncia o caso dun paciente que estivo 813 na lista de agarda estrutural malia que nos últimos rexistros do Sergas non figuraba ningunha persoa na listaxe de uroloxía deste hospital con máis de doce meses de espera.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) vén de denunciar que un paciente estivo dous anos, dous meses e 23 días en lista de agarda estrutural para unha intervención cirúrxica de uroloxía.

A persoa afectada, A. V. P., explica nun escrito que foi intervida en agosto de 2016 dunha frenectomía no servizo de uroloxía do CHUS, "cun resultado totalmente satisfactorio". Posteriormente, someteuse a outras dúas operacións relacionadas coa mesma doenza.

Nas revisións realizadas nas consultas externas, "conclúese que todo está ben". Mais o paciente en cuestión apreciou que a postectomía, a última intervención que se lle practicou, non fora realizada "correctamente". "Dado que non estaba satisfeito coa valoración do resultado da operación, vinme obrigado a acudir e pagar do meu peto un especialista privado, que me confirma que era necesaria unha nova intervención para reparar o traballo defectuoso e tapar un dos canos que deixaron abertos de máis", sinala.

En consecuencia, solicitou unha consulta co especialista do CHUS, e, após se someter ás probas precisas, foi incluído na lista de espera para unha nova intervención cirúrxica o 12 de novembro de 2019, cando entrou na listaxe estrutural. "E aí estiven 813 días, até o 2 de febreiro de 2022, cando son intervido novamente", sinala, ao tempo que considera que a demora "atentou" contra o seu dereito a "ser atendido no tempo máximo previsto legalmente", así como pola "denegación da asistencia á que tiña dereito" durante eses máis de dous anos.

As listas de espera do Sergas non reflicten a realidade

"O testemuño de A.V.P. non só supón a vulneración do artigo 5.1 do Decreto 104/2005, do 6 de maio, de garantía dos tempos máximos de espera na atención sanitaria, que estabelece 180 días de tempo máximo de espera garantido para doenzas sen preferencia ningunha, senón tamén a falsificación das listas de espera publicadas a 30 de xuño de 2021, nas que se informa que no servizo de uroloxía do CHUS non existen pacientes con espera superior a 365 días, malia que o testemuño do paciente e a ficha da súa incorporación á lista de espera estrutural acreditaban nese momento unha espera de 596 días", lamenta a Asociación de Pacientes do CHUS.

O colectivo asegura ter constancia, "por denuncias anteriores", do "incumprimento" dos tempos máximos en uroloxía, "incluso para pacientes con preferencia na atención", algo que ao seu xuízo é "unha proba manifesta da insuficiencia dos medios dispoñíbeis para atender a demanda asistencial e garantir o exercicio efectivo dos dereitos recoñecidos".

"Agora constátase, ademais, que se altera a información que se fai pública para evitar recoñecer os fallos", sentencia a asociación.